Montse Prado denuncia a campaña de POVISA para captar doentes da Seguridade Social

A deputada do BNG, Montse Prado cualificou a campaña de “agresiva e intensa” e de utilizar datos persoais de tarxetas sanitarias de persoas sen vinculación ao centro

Montse Prado

A parlamentaria do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao SERGAS na Comisión de Sanidade relativa á campaña de POVISA para fomentar a adscrición de doentes do sistema sanitario público.

Para a deputada, POVISA aproveita para captar novos doentes, a alarma polas múltiples deficiencias detectadas no novo Hospital de Vigo, un hospital, dixo, que non resolve os problemas da área sanitaria de Vigo e constata a “política fracasada” do Partido popular que “nunca tivo a intención” de sobredimensionala. O Partido popular non solucionou os problemas sanitarios de Vigo, o que fixo foi “beneficiar a empresa privada”.

Neste contexto, explicou, enmarcase o concerto do SERGAS con POVISA, “un concerto por dez anos no que a empresa recibe máis de 75M€”, un centro sanitario con listas de espera triplicadas a respecto da rede pública, denuncias contra as condicións laborais e condenas incumpridas pola empresa, mentres o Goberno mantén unha postura de “permisividade total”.

Montse Prado formula a pregunta na Comsión da CRTVG

No ano 2015 o SERGAS asina unha resolución para establecer a elección de centro hospitalario durante o mes de novembro, as persoas interesadas tras cubrir o impreso debían entregalo no hospital do CHUVI coa tarxeta sanitaria pero durante todo ese mes, a empresa POVISA levou a cabo unha campaña publicitaria para “captar clientes”, mesmo coa instalación de mesas para facilitar os tramites. Ademais publicou unha enquisa salientando a eficacia do centro e o gran número de persoas que o recomendaban. A propia empresa, a través dun comunicado afirmaba que traslada máis de 6.000 solicitudes de cambios.

Por outra parte, POVISA mostrou o seu malestar por non poder acceder a todos os centros sanitarios de Vigo para o cambio de doentes polo que a deputada preguntou se entre o SEGAS e POVISA existía “un pacto” que non se fixo público.

O SERGAS non se pronuncia sobre a campaña de POVISA

Pola súa parte o xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa afirmou que a resolución permite aos usuari@s “elixir libremente o centro”.

Montse Prado na comisión

A parlamentaria replicou que 3.700 tarxetas novas en POVISA representan un 1.945.000 euros. Para a deputada existe “pasividade e conivencia”, ademais de permisividade do SERGAS con POVISA que utiliza prácticas abusivas para restar doentes á Sanidade Pública para o seu negocio.

Finalmente, a deputada preguntou se POVISA pode asumir 3.000 novas cartillas tras a continua redución de plantilla, a perdida de calidade asistencial denunciada en reiteradas ocasións e as sospeitas de que parte do concerto é utilizado pola empresa para atender a pacientes privados.

Fernández Campa eludiu responder ás cuestións formuladas pola deputada do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG