A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu hoxe na Subcomisión para o Estudo da Racionalización de horarios, conciliación da vida familiar, laboral e corresponsabilidade, a implantación do denominado fuso occidental posto que Galiza está situada no paralelo de Greenwich, de igual xeito que Portugal ou Canarias.
O fuso horario que ten Portugal ou o Reino Unido, o fuso occidental, era o imperante antes de 1942 no que o dictador Franco decidiu adoptar o fuso horario de Europa central para se alinear con Alemaña.
Para Galiza, subliñou Davila, é o horario natural, aquel que se adapta ao sol, e o máis beneficioso para o noso territorio porque estamos no mesmo paralelo que Portugal e Canarias. Lembrou que o BNG leva moitos anos defendendo o cambio de fuso horario, e xa noutras ocasións presentamos iniciativas parlamentares no Congreso. Dado este informe, voltaremos a traer propostas neste sentido.
En relación ao Informe da Subcomisión, a deputada do BNG puxo de manifesto que xa é o terceiro informe sobre racionalización de horarios en tres lexislaturas pero nunca se aplicaron as distintas recomendacións.
Asemade, Davila sinalou que o futuro para avanzar na conciliación non pivota nunha nova lei. Para avanzar é necesario que haxa un maior financiamento, que non se fagan recortes en educación, na sanidade e nos servizos sociais. O Estado debe garantir os servizos públicos necesarios. A deputada do BNG criticou que en momentos de crise se baixe a garda na igualdade cando a igualdade non pode agardar.