XVIII Asemblea Nacional

Ana Pontón é reelexida portavoz nacional co 84,14% dos votos da militancia e pon como reto do BNG liderar Galiza en 2028

Ana Pontón
Ana Pontón

“Imos seguir practicando a política con maiúsculas, a que pon as persoas no centro, traballando todos a unha e sen poñerse límites, proclama

Da XVIII asemblea sae un Bloque máis forte e preparado para seguir ensanchando a base social e electoral até converterse na forza hexemónica

A militancia reelixiu a Ana Pontón como portavoz nacional co 84,14% de voto tras un proceso de votación de tres candidaturas, no que a lista encabezada por Noa Presas obtivo un 12,35% de apoio e a encabezada por Gustavo Barcia o 3,51%, nun exemplo de democracia interna dentro dunha organización na que militancia é quen máis ordena no BNG. Con estes resultados, a representación na Executiva Nacional é de 16, 2 e 1 respectivamente.

No seu discurso de clausura, Pontón agradeceu a confianza para seguir liderando o Bloque ao lado de todas a persoas que a acompañan na nova Executiva Nacional, destacando que desta cita asemblearia sae un BNG “máis forte e máis preparado” para encarar o gran obxectivo: gobernar Galiza en 2028.

Tras unha xornada de debate, agora toca “traballar todos e todas a unha” para seguir demostrando que o BNG é “imparable” e tendo en conta a responsabilidade que supón ser “a esperanza” de cambio político, como demostrou o resultado das eleccións do 18F.  “Aí fóra hai moita xente mirando para nós e temos a responsabilidade colectiva de estar á altura desa confianza”, subliñou.

Plenario
Plenario

“Aquí e agora o máis revolucionario que podemos facer polo País é gobernar, converter os soños en realidades e aínda que hai oitos anos ese soño era impensable hoxe témolo ao alcance da nosa man grazas a vós”, recalcou. Pontón fixo fincapé na urxencia de acabar co réxime absolutista do PP, “e darlle a este País un goberno leal a Galiza, que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas para darlles unha vida mellor. É unha responsabilidade histórica que non podemos deixar pasar”,  alegou.

Para afrontar ese reto, da asemblea sae un BNG máis forte, coas portas abertas e a man tendida, preparado para seguir ensanchando a base social e electoral do nacionalismo, “até converternos no referente de todos os galegos e galegas que non se resignan a unha Galiza que esmorece, que vai a menos”. Tras converterse na única alternativa real ao PP desde a “firmeza” dos principios e aplicando unha política nacionalista, agora toca ir máis alá, proclamou, “agora toca gobernarnos nós a nosa terra”.

 

E así quedaría o novo Consello Nacional do BNG e a Executiva, encabezada pola portavoz nacional, Ana Pontón. #BNG18AN #CoaTúaForzaGalizaGaña

[image or embed]

— BNG - Bloque Nacionalista Galego (@obloque.gal) 1 de diciembre de 2024, 21:05

 

Gobernar Galiza para acabar co espolio eólico, a destrución do territorio ou para frear a bomba ambiental de ALTRI; gobernar para salvagardar os servizos públicos e garantir o dereito a unha vellez digna; para darlle futuro á xente moza que hoxe ve truncados os seus proxectos de vida porque non pode pagar nin un alugueiro; gobernar para construír un País feminista de mulleres libres e iguais; para poñer fin á emerxencia lingüística; para darlle a Galiza a chave dos seus cartos e un status político de nación na as decisións relevantes estean nas mans da cidadanía galega, enumerou.

Tres anos por diante para acadar ese obxectivo que require un proceso de acumulación: máis organización, máis traballo social e máis poder municipal para seguir demostrando desde os concellos o poder transformador do Bloque, explicou. Tres anos para seguir avanzando nun BNG máis forte, que acolla á maioría social deste País: a clase traballadora, ás persoas autónomas, ás pequenas e medianas empresas, á mocidade que desexa un futuro mellor ou ás mulleres combativas por unha Galiza en igualdade.

Plenario
Plenario

“Imos seguir practicando a política con maiúsculas, a política das ideas, dos proxectos, a que pon ás persoas no centro, porque non estamos aquí para aceptar o que non podemos cambiar, senón para cambiar o que non podemos aceptar”, recalcou Pontón parafraseando a Ángela Davis. Tampouco o que pasa fora “das nosas fronteiras”, en referencia ao xenocidio do pobo palestino, nun contexto de imperialismo cada vez máis “agresivo” que o BNG condena.

Recoñecemento ao traballo das militantes

Pontón fixo un recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, desde as militantes de base, pasando polas que se acaban de incorporar, ás responsables locais e comarcais, alcaldesas, concelleiras, parlamentarias, aquí, en Madrid e en Bruxelas, consciente de que, “en política, igual que na vida, tamén hai prexuízos que superar, teitos de cristal que romper e solos pegañentos que levantar. E imos facelo xuntas, desde o feminismo, até que todas sexamos libres e iguais”, destacou.

A líder nacionalista apelou a non poñerse límites e a seguir coa mesma determinación de ir a por todas “que pon dos nervios ao PP” que volverá a aplicar o mesmo manual de sempre a base de mentiras co que intentarán “debilitar” ao BNG. “Fracasarán”, augurou Pontón, “porque terán enfronte un BNG máis forte, máis unido e con máis ilusión que nunca por transformar este País, un BNG sen límites, porque non se lle pode poñer límites ao amor, ao orgullo e a confianza que sentimos por Galiza”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG