Congreso

Aprobada no Congreso a iniciativa do BNG para posibilitar a xubilación anticipada do persoal da sanidade

O BNG logra o apoio dos grupos para instar o Goberno a estabelecer coeficientes redutores e pór fin á desigualdade e á discriminación nun sector, sobre todo na Galiza, tan feminizado

“Que se abra xa a negociación para regular canto antes a xubilación anticipada aos 60 anos sen penalización para as largas carreiras de cotización”

O Bloque Nacionalista Galego consegue sacar adiante na Comisión de Sanidade da cámara baixa unha iniciativa relativa á xubilación das persoas traballadoras na sanidade. No concreto, Néstor Rego logra o apoio do Congreso para que se regule a xubilación e se estabelezan coeficientes redutores, durante 2025, para as traballadoras e traballadores da sanidade, garantindo que o persoal se poida xubilar cando cumpra 60 anos e conte con longas carreiras laborais.

O Congreso insta o Goberno a, conforme a lexislación vixente en materia de seguranza social, acabar coa discriminación de xénero que afecta o persoal da sanidade. Así mesmo, o BNG consegue o apoio da Comisión para que se regule, mediante Real Decreto, a xubilación para as traballadoras e traballadores da sanidade, maiores de 60 anos e con longas vidas laborais, de máis de corenta anos de prestación de servizo.

A iniciativa do BNG recolle que, durante 2025, no ámbito da negociación do Foro para o Diálogo Social, da Lei 55/2003, de 16 de decembro, do Estatuto Marco do Persoal Estatutario dos Servizos de Saúde, negociar os coeficientes redutores para a xubilación voluntaria do persoal da sanidade, cando a traballadora ou o traballador cumpran os 60 anos.

Rematar coa desigualdade e a discriminación nun sector esencial

Segundo relata o deputado do BNG durante a defensa da iniciativa, o sector sanitario no seu conxunto “ten uns riscos laborais específicos e presenta unha elevada taxa de problemas de saúde laboral”, así como riscos biolóxicos, químicos e expostos a radiacións ionizantes, alén dos riscos psicosociais. “Hai numerosos estudos sobre o impacto das quendas rotatorias e a súa relación con enfermidades coronarias e cerebro-vasculares, así como a depresión, a síndrome metabólica e o cancro. “Enfermidades, todas elas, que acaban sendo crónicas e non desaparecen cando se abandona o traballo” subliña.

“Non ten ningunha xustificación que a estas alturas, após o sufrido na pandemia, aínda non se estabelecesen os coeficientes redutores para este sector. Isto é o que demanda o BNG mais tamén do conxunto do persoal da sanidade da Galiza e a súa representación sindical, como a CIG, sindicato de maior representación no sector” defende Rego.

Así mesmo, Néstor Rego sinala a necesidade de “que se poña fin á desigualdade e á discriminación” que sofre un sector tan feminizado como o sanitario: “na Galiza, preto de 80% do total do persoal da sanidade pública son mulleres”. Na mesma liña, a resolución aprobada avoga por priorizar na negociación dos coeficientes redutores, para alén da sanidade, as “profesións feminizadas que desenvolven o traballo en condicións de precariedade e penosidade”.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG