Coa súa presenza na multitudinaria manifestación de Barcelona, o BNG respaldou as arelas de liberdade de Catalunya. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, convidado por Esquerra Republicana de Catalunya, marchou este mércores canda a máis de 1 millón e medio de cataláns -algunhas estimacións apuntaban mesmo a unha afluencia de 2 millóns de persoas- na manifestación convocada pola Assemblea Nacional Catalana baixo o lema de "Catalunya, un nou Estat d'Europa".
A marcha, xigantesca, acugulou o centro da cidade e desenvolveuse por espazo de máis de 3 horas.
"Ante a ofensiva centralista, é tempo de que os pobos decidan, de que tomen a palabra. É tempo de soberanía porque sen soberanía non hai democracia", defendeu o portavoz nacional na súa breve intervención ante os meios, ao comezo dunha manifestación que xa está na historia de Catalunya.
Antes de tomar parte na manifestación, Guillerme, xunto cos representantes doutras delegacións internacionais, participou en distintos actos programados por Esquerra Republicana de Catalunya, entre eles a tradicional ofrenda ao monumento de Rafael Casanova.