O BNG rexeita os intentos de desestabilizar pola forza e a violencia o sistema democrático venezuelano así como o seu apoio e a solidariedade co goberno da República Bolivariana, encabezado por Nicolás Maduro.
Venezuela está a asistir a un proceso golpista que pretende subverter pola forza a vontade do povo venezuelano de avanzar na construción dunha sociedade nova nun país plenamente soberano, vontade expresada de forma inequívoca nas eleccións presidenciais de abril de 2013 e ratificada aínda nas eleccións municipais realizadas hai 2 meses.
Forzas reaccionarias e da dereita, apoiadas polo imperialismo norteamericano, teñen iniciado hai meses unha guerra económica co fin de desestabilizar o goberno lexítimo e paralizar o proceso revolucionario bolivariano. É precisamente no momento en que as autoridades da República Bolivariana de Venezuela avanzan no combate á especulación económica e na melloría das condicións de vida da povoación, que grupos reaccionarios lanzan unha campaña de protestos violentos que, amparados na máis escandalosa manipulación informativa, visa desestabilizar o país para tomar o poder á marxe das urnas.
O BNG, como forza patriótica que loita pola liberdade da nosa nación, Galiza, quere reiterar a solidariedade con todos os povos da América Latina que avanzan decididamente no camiño da soberanía. De forma especial, coa Venezuela Bolivariana, que se ten constituído nun valiosísimo exemplo para todos os povos de que con independencia nacional e grazas á mobilización e á vontade popular expresada democraticamente é posíbel libertarse da dominación imperialista e construír sociedades libres asentadas sobre novos valores e ao servizo da maioría social.