O BNG anima a acudir ao campo de fútbol de Riazor para gozar do partido Galiza-Venezuela que supón á volta dos encontros da Irmandiña interrompidos en 2009 coa chegada de Núñez Feijóo á Xunta, que cortou de raíz o apoio do Bloque á selección absoluta galega desde as súas responsabilidades de goberno.
O combinado galego conta tamén co aliciente de estar dirixido polos ex xogadores Míchel Salgado e Fran González, nun encontro moi esperado por miles de afeccionados e afeccionadas e que tamén foi longamente reivindicado por algúns dos futbolistas máis destacados do momento actual.
De cara a ese encontro, o Bloque reclama un total respecto á liberdade de expresión para todas as persoas que acudan ao campo de Riazor portando bandeiras galegas coa estrela ou calquera outro tipo de simboloxía nacionalista. O BNG fai esta demanda en base ao precedente do ocorrido noutros acontecementos deportivos, nos que os corpos de seguridade do Estado identificaron as persoas que portaban bandeiras nacionalistas galegas.
Neste sentido, o BNG lembra a identificación de seis militantes por parte da policía española polo mero feito de portar simboloxía nacionalista, - basicamente bandeiras-, ao paso da Volta ciclista pola cidade da Coruña.
Igualmente, a executiva nacional demanda que se respecte a Lei de símbolos e que no Campo de Riazor se escoite o himno galego na súa integridade ao inicio do encontro Galiza-Venezuela.