O BNG acusa o Goberno de “mirar para outro lado” e non buscar solución ao conflito de Povisa

As deputadas do BNG, Monste Prado e Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso mantiveron unha xuntanza co comité de empresa para coñecer de primeira man a situación dos traballadores

Carme Adán, Montse Prado e Iolanda Veloso

As deputadas do BNG Monste Prado e Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso trasladaron o apoio do Bloque aos traballadores e traballadoras de Povisa, e aseguraron que o goberno galego ten “moita responsabilidade” no conflito que acontece desde hai anos neste centro hospitalario. As responsables nacionalistas acusaron ademais á Xunta de “mirar para outro lado” en lugar de buscar solucións xustas para os traballadores e traballadoras e axeitadas para os pacientes do centro.

“O goberno galego tamén ten responsabilidades por non velar por que non se cumpran as sentenzas xudiciais e por non preocuparse de garantir a calidade da sanidade que se preste aos doentes”, salientou Monste Prado en declaracións previas á xuntanza que tanto ela como a deputada Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso mantiveron co comité de empresa de Povisa.

Segundo manifestou Prado, a conselleira de Sanidade “non pode mirar para outro lado, aínda que sabemos que é usuaria da porta xiratoria”. Pero ao seu xuízo, Feijoo “tampouco pode mirar para outro lado” diante das condicións laborais e sanitarias que se están producindo no centro.

“A situación que se vive en Povisa non se pode permitir en ningún caso, pero con cartos públicos menos”, subliñou a deputada nacionalista, quen acusou á Xunta de “poñerse de lado da empresa pero non do lado dos traballadores e dos doentes”.

 Denuncia en Madrid

A presidenta do comité de empresa, pola súa banda, explicou que esta mañá trasladaron as súas queixas á Inspección de Traballo, en concreto á inspectora Ana Pousa. Asemade manifestou a súa incredulidade polo feito de que o inspector co que onte se puxeron en contacto xustificara a contratación de traballadores para substituír ao persoal en folga.

“Estamos dispostos a denunciar á Inspección en Madrid polo incumprimento do convenio e o incumprimento de sentenzas xudiciais”, asegurou María Xosé Neira, quen criticou que en Vigo “Inspección teña boas palabras pero mire para outro lado”.

Avanzou que o comité de empresa espera retomar a folga “en 10 ou 15 días” unha vez que estea garantido o cumprimento dos servizos mínimos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG