Durante a comparecencia do Presidente, o BNG tendeu a man ao Goberno para aplicar as medidas comprometidas coa Galiza, para avanzar en liberdades, en democracia, en dereitos sociais e nacionais e mesmo para buscar a paz frente ao xenocidio sionista en Palestina. Pola contra, o deputado nacionalista, Néstor Rego, advertiu que se o Presidente quere seguir pactando co Partido Popular, continuar discriminando á Galiza ou incumprindo os compromisos “non contará co BNG”. Paralelamente, a frente nacionalista lamenta as medidas presentadas polo Goberno para a rexeneración democrática que, en opinión do deputado, “fican curtas e perden a credibilidade pola actitude do Goberno”.
No marco da comparecencia do Presidente do Goberno no Congreso para explicar as decisións dos últimos consellos europeos e as liñas do “Plan de Acción pola Democracia”, o deputado do BNG interviu para alertar o Goberno. “O BNG só ten un voto, mais lémbrolle que nesta lexislatura xa foi decisivo en varias ocasións. Pode vostede ter a tentación de minusvalorar a relevancia dese voto, mais non a teña de minusvalorar, porque se enganaría, a forza reivindicativa e a dignidade colectiva do pobo galego” apercibiu Néstor Rego a Pedro Sánchez.
“Cumprimos o que acordamos, mais exiximos que se cumpra o pactado”
“Se votamos a favor da súa investidura foi por dúas cuestións: por cumprir o noso compromiso de frear a dereita ultra e a ultradereita e, sobre todo, a cambio dun Acordo de Investidura con medidas moi relevantes para a Galiza” lembra o deputado do BNG. Se ben é certo que nos últimos tempos, continuou Rego, se foi avanzando na execución do acordo, vai todo con máis demora do que debera e a decisión do Goberno de non sacar adiante un orzamento non vale de escusa. “Nós, o BNG, somos xente seria, cumprimos o que acordamos, mais igualmente exiximos que se cumpra integramente o pactado connosco” alerta.
“Está ben que nos anuncien avances nos estudos para a implantación das cercanías ou para a modernización da rede ferroviaria interna da Galiza. Mais, a estas alturas, tiñan que estar creados tres novos xulgados de violencia de machista na Galiza ou as novas bonificacións aprobadas na Autoestrada do Atlántico e transferila” exemplifica o deputado do BNG durante a comparecencia.
Onte mesmo, de facto, se levantaron as barreiras na AP-7 en Alacant e, neste sentido, Rego preguntou ao Presidente “por que na AP-9 aínda non?”. Para a frente nacionalista é preciso pór punto final á estafa colectiva e á discriminación que implica a prórroga de 25 anos da AP-9, acordado por un goberno do PP mais agora defendida polo PSOE. “Os galegos e galegas non somos menos que ninguén e o BNG non vai permitir que se manteña ou se produza ningún tipo de discriminación á Galiza” promete.
“A diferenza de vostedes, o PSOE, que votan en Compostela a favor de rescatar a AP-9 e aquí fan exactamente o contrario, nós somos, sempre fomos e sempre seremos, absolutamente coherentes. Sr. Sánchez, en que se diferencian nisto vostedes do Partido Popular? Dígollo eu, en nada, simplemente se alternan na discriminación á Galiza” evidencia o deputado do BNG.
Sobre a sentenza do Supremo sobre a eólica mariña a Rego non lle sorprendeu que a xustiza española estea, máis unha vez, do lado dos poderosos. “Cando se trata de escoller de que lado estar, se das grandes eléctricas ou dos traballadores e traballadoras do mar, o Tribunal Supremo, o PP e o PSOE están con Iberdrola e as grandes enerxéticas e co espolio ao noso País” subliña. O BNG, reivindica Néstor Rego, está e estará sempre co sector pesqueiro galego e coa riqueza que xera na Galiza.
Ou parto dos montes ou rexeneración democrática cumprindo o prometido
En opinión da frente nacionalista, as medidas anunciadas polo Presidente do Goberno “fican curtas” para unha verdadeira rexeneración democrática e, sobre todo, carecen da credibilidade necesaria, mesmo “perdéndoa cando incumpren sistematicamente aquelas promesas e compromisos máis importantes”. O problema vai moito máis alá do ámbito da prensa e a solución tamén debe ser máis que os 100 millóns de euros anunciados para a dixitalización dos medios. “Por certo, existe prensa en galego, eusquera e catalán que tamén ten dereito a contar nas axudas e a publicidade institucional. O contrario é discriminación lingüística” apunta Rego.
“Que credibilidade quere que deamos á súa vontade de rexeneración democrática se despois dunha teatralización de 5 días en que se centraba no ámbito xudicial controlado pola dereita máis ultra e o lawfare, o primeiro que fai o Partido Socialista é pactar co Partido Popular a renovación do CXPX?” pregunta Rego ao Presidente do Goberno.
Perden credibilidade, continuou evidenciando o deputado do BNG, “cando prometeron PSOE e UP-Sumar derrogar integramente a reforma laboral do Partido Popular, e non o fixeron; cando prometeron derrogar as reformas das pensións e mesmo introduciron novos recortes e vías de privatización; cando prometeron derrogar a Lei da Mordaza e aínda está en vigor. Agora anuncian de novo unha derrogación e á hora seguinte matizan que si, mais só un pouquiño, unha reforma, como dixo vostede, que ficará nunha reformiña” sentenza Rego.