O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha batería de iniciativas nas Cortes para exixir ao Goberno que respecte a legalidade vixente en materia de toponimia e cese na utilización de formas deturpadas dos nomes de lugar na Galiza, como aconteceu recentemente nun décimo da Lotaría Nacional en que figuraban as formas incorrectas correspondentes a “Xinzo de Limia” e “Ourense”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, demanda a rectificación de Facenda e o cumprimento da lei nas futuras impresións de décimos de lotaría.
“A Lotaría depende de Loterías e Apostas do Estado, unha entidade pública adscrita ao Ministerio de Facenda, que debería dar exemplo no cumprimento dos dereitos lingüísticos da cidadanía e da normativa vixente” denuncia o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. O nacionalista sinala que a Sociedade Estatal dedica os seus décimos a divulgar patrimonio cultural, personaxes históricas, efemérides ou causas sociais, polo que “resulta especialmente grave que, ao mesmo tempo, incorra na vulneración da legalidade e no desprezo da lingua propia da Galiza”.
Neste sentido, Rego lembra que a Lei 3/1983, de 15 de xuño, de normalización lingüística, establece con claridade no seu artigo 10 que “os topónimos terán como única forma oficial a galega”. “As formas galegas son, por tanto, as únicas legalmente válidas, e toda referencia ou rotulación que se faga ten que concordar con elas” reivindica.
Na iniciativa rexistrada, o BNG reclama que o Ministerio de Facenda rectifique de inmediato a publicación do décimo no que se deturpan os nomes oficiais e que dea as instrucións precisas para que en futuras emisións de Lotaría Nacional se respecte estritamente a toponimia oficial galega. “Resulta totalmente intolerábel que se utilicen formas deturpadas absolutamente incorrectas e alleas á legalidade, especialmente cando falamos dunha entidade pública de titularidade estatal” esgrime o deputado nacionalista.
“O uso da toponimia deturpada vulnera os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e incumpre compromisos internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, da que o Estado español é asinante” engade Rego, quen lembra tamén que o Comité de Expertos do Consello de Europa ten advertido en numerosas ocasións ao Goberno español por este tipo de incumprimentos.
“O Ministerio de Facenda debe actuar con dilixencia e emitir unha rectificación pública por este erro, ademais de garantir que non se repita no futuro”, conclúe Néstor Rego. Para o BNG, o respecto á lingua e á toponimia galega non é só unha cuestión legal, senón unha obriga ética e institucional de calquera administración que pretenda representar con dignidade á cidadanía galega.