A portavoz nacional, Ana Pontón, acusou na Coruña ao Goberno do PP de “dinamitar a política social de vivenda”, “case paralizar a construción de vivenda pública” e limitarse a políticas e anuncios que son un “bluff”, tal e como exemplificou no denominado Plan Rexurbe.
Un programa destinado a rehabilitar vivendas en cascos históricos para logo poñelas no mercado en réxime de alugueiro e que na cidade herculina supuxo a compra de tan só dous inmobles que nin sequera foron rehabilitados, explicou Pontón diante dun deles, situado na rúa de San Andrés e cuberto aínda cunha lona, nun acto no que estivo acompañada polo portavoz municipal, Francisco Jorquera, e a portavoz parlamentaria de Vivenda, Alexandra Fernández.
“O resultado deste Plan Rexurbe son cero vivendas en alugueiro para a xente da Coruña en medio dunha crise habitacional que está provocando que miles de persoas ou ben teñan que compartir alugueiro, ou ben queden na casa dos seus pais, ou ben estean afogadas porque teñen que escoller entre pagar o custe do piso ou, moitas veces, comer”, afondou. “Esta é a realidade que teñen moitas persoas a día de hoxe, mentres o PP o único que fai son anuncios bluff”, sintetizou.
A líder nacionalista evidenciou con datos “até que punto o Partido Popular está instalado na política da propaganda, sen ofrecer solucións reais ao problema da vivenda” e, para iso, utilizou os números do propio Rexurbe: 1.500 vivendas rehabilitadas, anunciou en 2016 o Executivo do PP que, posteriormente, en 2020, elevou a 3.000. A realidade a día de hoxe é que só se adquiriron 100 inmobles en toda Galiza e só se puxeron a disposición dos galegos e das galegas 20 vivendas dende 2016 en base ao programa Rexurbe.
“É un auténtico bluff, unha auténtica fraude, pero tamén un símbolo das políticas do Partido Popular, que permanece impasible sen tomar medidas no curto prazo mentres os alugueiros non paran de medrar”, criticou Pontón, quen recordou que nalgunhas zonas do País os alugueiros chegaron a medrar un 50%. “Non coñezo a ninguén que o salario lle subira un 50%”, advertiu en véspera das manifestacións en protesta polas dificultades de acceso á vivenda.
Ante a incapacidade do PP para ofrecer solucións neste ámbito de actuación, a portavoz nacional puxo enriba da mesa as propostas concretas, realistas e no inmediato do BNG, a comezar pola declaración de zonas tensionadas que permita regular os prezos dos alugueiros e impedir que sigan subindo, unha medida que, recalcou, “pode tomar a Xunta, pero que na práctica está boicoteando”.
En segundo lugar, avogou por limitar e controlar as vivendas de uso turístico, que están contribuíndo indirectamente á suba dos prezos, e, en terceiro lugar, defendeu o incremento das axudas á vivenda, regulándoas ademais de xeito máis eficiente para que “cheguen primeiro a quen máis as necesita e non pola orde de entrada como está pasando na actualidade”.
Por último, a líder nacionalista incidiu na proposta do Bloque para poñer en marcha un plan de mobilización de vivenda baleira que, a través da compra directa ou de acordos cos propietarios e propietarias, permitiría poñelas no mercado en réxime de aluguer dunha maneira “moito máis rápida, máis eficiente e máis ecolóxica” que esperar a construír vivenda pública nova, sempre sometida a procesos moito máis longos e cun custe moi elevado.
“Hai alternativas ante a crise habitacional que hai neste momento, pero o que se necesita é votade política, xusto a que lle falta ao Goberno do Partido Popular, que está instalado na política da propaganda e tamén boicoteando medidas que se poderían tomar”, alegou a portavoz do BNG, quen advertiu da inscrición de vivendas de uso turístico ilegais no rexistro da Xunta sen que esta faga nada para evitalo.
Diante dunha situación que cualificou como “crítica”, Pontón pediu ao Executivo de Rueda que se deixe de “propaganda e políticas bluff” e se poña a traballar para ofrecer alternativas reais aos galegos e ás galegas. “O Goberno do PP debe actuar con seriedade e con rigor para que o problema de acceso á vivenda teña solucións no inmediato e non a oito, nove ou dez anos que, evidentemente, os mozos e mozas deste País non poden agardar”, concluíu.