Prado denuncia demoras excesivas nos tempos de resposta das ambulancias medicalizadas na maioría dos concellos

Montse Prado
Montse Prado

A deputada do BNG censura a falta de equidade na atención aos galegos e as galegas e advirte que nalgunhas zonas do País os vehículos de Soporte Vital Avanzado tardan máis dunha hora en prestar servizo

“O Partido Popular leva catorce anos realizando unha voadura programada dun ben tan prezado como é a nosa sanidade”, asegura

A deputada do BNG Montse Prado denunciou as demoras excesivas nos tempos de resposta das ambulancias medicalizadas nunha gran parte dos concellos galegos, nalgúns dos cales a demora media chega a superar incluso a hora.  “Os tempos de resposta deste servizo poden marcar a diferencia entre un desenlace positivo ou un fatal, porque diante dunha emerxencia o factor tempo e eficiencia é fundamental. Nas paradas cardiorrespiratorias, ictus, politraumatismos... cada minuto de demora na atención agrava o prognóstico e a supervivencia”, advertiu.

Montse Prado referiuse aos datos do último informe do Consello de Contas sobre o funcionamento do 061, que conclúe que “non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio” nin no que se refire ás ambulancias de Soporte Vital Básico (SVB) nin ás de Soporte Vital Avanzado nin nos helicópteros.

Segundo o informe, destacou a voceira do BNG en Sanidade, en 198 concellos os tempos de resposta das ambulancias SVB están por riba dos quince minutos, o máximo establecido. Para o 22 % da poboación, chégase a triplicar a demora.

“Hai comarcas enteiras, como Valdeorras, Bergantiños, o Baixo Miño, Barbanza ou Lalín, que non contan coa dotación de ambulancias de Soporte Vital Avanzado”, reprobou tamén Montse Prado, advertindo que o SVA só prestou servizo en 176 concellos, concentrados nas zonas de maior poboación. Neste caso, o tempo medio de resposta superou os 31 minutos, cando o máximo establecido é de 20 minutos.

O informe do Consello de Contas referido a 2021, afondou, recolle que 137 concellos non recibiron ningún servizo de ambulancia medicalizada e que 229 están fora da isocrona, é dicir, non compren cos tempos máximos establecidos. Prado fixo referencia a algúns dos concellos cos tempos de atención do SVA máis preocupantes, como Mesía (1 h. e 13 minutos) Monterroso (59 minutos), Folgoso do Caurel (57) ou Melide (55).Ou, en zonas máis poboadas, O Grove (44 minutos), Baiona (41), Sanxenxo (39) ou Silleda (42).

“Todos estes datos poñen en evidencia que a política sanitaria do PP pon en risco a saúde e a vida das galegas e galegos”, subliñou a deputada do BNG, esixíndolle ao Goberno do PP unha rectificación “para deixar de poñer en risco a saúde e a vida das galegas e os galegos”.

Montse Prado aludiu, por outra banda, ao informe de fiscalización da conta xeral do Sergas que, declarou, “ratifican as denuncias que levamos facendo no BNG desde hai tempo e ratifican que a situación de deterioro, de perda de calidade, non é casualidade, senón froito das decisións constantes tomadas polo PP na Xunta”. “O PP leva catorce anos realizando unha voadura programada dun ben tan prezado como é a nosa sanidade”, sostivo.

Entre outros datos recollidos polo Consello de Contas, salientou o da “altísima” temporalidade do persoal, que no exercicio do 2021 era do 45 %, “o que remata co discurso do PP de que os problemas de fuga de persoal non teñen que ver coas  condicións laborais”, dixo.  

Prado recalcou así mesmo o “aumento exponencial” das consultas telefónicas, que en 2019 significaban tan só un 11 % do total e no 2021 eran xa o 55 %.

Incremento xeneralizado das listas de espera

Fixo tamén fincapé no incremento xeneralizado dos tempos de espera no Sergas. As listas de agarda entre 2019 e 2021 incrementáronse un 42 % en cirurxía, un 36 % en consultas e un 41 % en probas diagnósticas, apuntou. “E o peor é que os datos non fixeron máis que aumentar, como certifican os últimos datos referidos a decembro de 2022, segundo os cales 215.000 doentes agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 por unha intervención cirúrxica e 250.000 están pendentes dunha proba diagnóstica”, engadiu.

Por outra banda, criticou, sempre tendo en conta o informe do Consello de Contas, o aumento do gasto en servicios prestados con medios alleos, así como a opacidade e falta de transparencia, cun abuso da contratación a dedo. “O Consello de Contas considera unha utilización espuria o uso permanente dos contratos menores, os negociados sen publicidade, as autorización de uso, os fraccionamentos de contratos...”, alertou neste sentido, concluíndo que se trata dun “ecosistema perfecto para facer uso dos cartos públicos sen render contas”.

Montse Prado esixiu á Xunta que remate coa derivación permanente de recursos públicos cara a sanidade privada, así como un plan de choque para rematar coas listas de espera, o rescate progresivo da externalización do transporte sanitario terrestre e medidas para rematar cos déficits históricos que deixan a miles de galegos sen posibilidade de recibir asistencia por parte dunha ambulancia medicalizada en caso de emerxencia.  

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG