PP vota en contra de que as mulleres vítimas de violencia machista conten con atención psicolóxica na atención primaria

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil lamentou que o Partido popular rexeitara tamén destinar o 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista
A deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha proposición non de lei para que as mulleres en situación de violencia machista conten con atención psicolóxica en Atención Primaria. Hoxe, explicou Rodil, é o Día internacional para a eliminación da violencia machista e  desde o Bloque Nacionalista Galego traemos esta iniciativa “non de maneira rutineira” senón para abordar a  violencia de xénero  nun contexto como o actual.

Rodil  lamentou que o Partido popular rexeitara os dous primeiros puntos da iniciativa para  destinar o 1% dos orzamentos á loita contra a violencia machista e garantir a atención psicolóxica das afectadas en Atención Primaria.

Falamos da atención psicolóxica para as mulleres en situación de violencia machista e a necesidade de prestar este servizo na Atención Primaria tal e como recolle desde hai 13 anos a Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Artigo 25,  “e vostedes votan non a este precepto”, criticou a deputada.

Rodil remarcou que os meses de confinamento  foron moi  duros para todas e todos pero imaxinen, dixo  o que puido supoñer para unha muller convivir durante tres meses  co seu maltratador, “24 horas ao día”.  

Os últimos datos publicados no sistema de seguimento, VioGen, outubro 2020  rexistran en Galiza  3.714 casos activos. E sabemos que a Atención Primaria é a porta de entrada ao sistema sanitario porque polo centro  de saúde pasamos todas e moitas veces a sintomatoloxía dunha persoa, con  cadros de estrés,  ansiedade e magoaduras  serven para detectar situacións de violencia que permitan activar protocolos. Un simple,“e as cousas na casa como están? pode mudalo todo”, recalcou Rodil.

Non podemos baixar a garda

Durante os primeiros meses deste ano o número de consultas telefónicas en atención ás vítimas incrementóuse un 35% a respecto do mesmo período do 2019 e as consultas en Centros de Información ás Mulleres, o 16%. “Non podemos baixar a garda”, sentenciou.

 A proposta do BNG, transacionada con PP e PSOE,  aprobou: Deseñar, en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, un Plan específico de atención psicolóxica para mulleres en situación de violencia machista adaptado á realidade xerada pola COVID-19 así como ás consecuencias do confinamento e doutras medidas de restrición da mobilidade adoptadas neste contexto.

Manter e ampliar o Plan de reforzo de atención ás vítimas de violencia machista para garantir o funcionamento dos servizos necesarios de atención, información e asesoramento ás mulleres en situación de violencia machista, tales como: prestacións económicas, apoio psicolóxico, Centros de Información ás Mulleres e recursos de acollida.

Elaborar un estudo sobre a situación das mulleres vítimas de violencia machista en Galiza durante a pandemia, con especial atención ao período de confinamento.

Ampliar a rede de Centros de Información ás Mulleres que garanta a prestación do servizo ao conxunto do territorio galego especialmente a aqueles concellos e comarcas que actualmente carecen del.

Reforzar as medidas dirixidas á atención ás mulleres vítimas de violencia machista que viven no rural, aumentando o número de recursos especializados adaptándoos á realidade demográfica e xeográfica así como adaptar as campañas de prevención e sensibilización a esta realidade.

Manter e ampliar a colaboración coa Rede Galega contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Dirixirse ao Goberno do Estado para que impulse a aprobación da Lei Orgánica de loita integral e multidisciplinar contra a Trata de Seres Humanos con fins de explotación sexual e cumprir así, co aprobado no Pacto de estado contra a violencia de xénero.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG