O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de rexistrar unha nova batería de iniciativas nas Cortes para reclamar ao Goberno do Estado información detallada sobre a posíbel concesión de axudas públicas ao proxecto de macrocelulosa que a empresa portuguesa Altri pretende instalar na comarca da Ulloa. Estas iniciativas son impulsadas por petición da Plataforma Ulloa Viva, que leva meses alertando das graves consecuencias ambientais e socioeconómicas que este proxecto podería ter para a comarca. A organización nacionalista reclama ao Goberno denegar todo tipo de axudas públicas a este proxecto.
No concreto, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpela o executivo do Estado sobre se Altri solicitou acollerse a fondos públicos no marco dos Proxectos Importantes de Interese Común Europeo (PIICE), unha vía de financiamento que implicaría unha avaliación específica por parte da Unión Europea. Neste sentido, Rego tamén demanda coñecer a data e as condicións da eventual solicitude, así como o estado actual da súa tramitación.
O deputado nacionalista insiste en que, para que un proxecto poida ser considerado PIICE, debe cumprir co principio de "non causar un dano significativo" (DNSH, polas súas siglas en inglés), recollido no artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852. Neste sentido, advirte de que o proxecto de Altri non encaixa nesta normativa, xa que a súa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), aprobada en marzo pola Xunta de Galiza, contén "omisións graves" e un "enfoque intencionadamente limitado" sobre os seus efectos ambientais.
"Non podemos permitir que un proxecto con este nivel de impacto ecolóxico e social acceda a financiamento público, especialmente cando non se garante que cumpra coas exixencias ambientais da UE. O Goberno debe esclarecer xa se está disposto a negar apoio a Altri quer pola vía das axudas directas, quer pola dunha convocatoria competitiva no marco dos PIICE" afirmou Rego.
O BNG tamén lembra que Altri xa solicitou financiamento a través da liña do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) de descarbonización industrial, ao abeiro da Orde ITU/1434/2023, cun importe máximo de 30 millóns de euros. A resolución desta convocatoria aínda está pendente, polo que Rego demanda ao Goberno “ser transparente sobre os criterios que se están a aplicar para a súa avaliación”.
Dende a formación nacionalista reiteran o seu apoio ás mobilizacións cidadás contra o proxecto de ALTRI e comprométense a seguir esixindo explicacións no Congreso para garantir que os fondos públicos non se destinen a iniciativas que comprometan o futuro ambiental e produtivo da Ulloa.