Senado

Da Silva defende a quita da débeda conseguida polo BNG para a Galiza frente á submisión do PP ao mandato de Génova

Carme da Silva
Carme da Silva

“O PP terá que explicar aos galegos e galegas por que Rueda opta por ser obediente a Madrid e traizoar os intereses da Galiza non aceptando máis recursos” di Carme da Silva

A senadora do BNG reclama ao Goberno que actúe para que a sociedade galega non pague submisión do PP ao mandato de Génova

Un sistema de financiamento baseado na bilateralidade e o rexeitamento ao gasto militar que provocaría un detrimento dos servizos públicos

Durante a comparecencia da Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda na cámara alta, a senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia o rexeitamento -por parte da Xunta de Galiza do Partido Popular- a que á Galiza se vexa beneficiada pola quita da débeda, conseguida polo BNG no Acordo de Investidura. A senadora nacionalista sinala que o PP terá que explicar por que nega á Galiza ter máis recursos dispoñíbeis para destinar aos servizos públicos do País.

Alén desta cuestión principal, a senadora nacionalista aproveita a comparecencia para reclamar unha posición firme do Goberno para que os galegos e galegas non paguen a submisión do PP de Galiza, liderados por Rueda, ante os mandatos de Génova. Así mesmo, defende un modelo de financiamento para a Galiza baseado na bilateralidade e que os galegos e galegas “teñan a chave dos seus cartos”.

Sobre a quita da débeda conseguida polo BNG

A senadora nacionalista lembrou que no Acordo de Investidura conseguido polo BNG, que a propia Vicepresidenta Primeira asinou, se recollía que “no caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por CC.AA. adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica, habería un estabelecemento de medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas CC.AA. que non fixeran uso do FLA”. Cuestión, recorda Carme, importante que garantía que a Galiza tivese un trato xusto, xa que a Xunta de Galiza non optou polo Fondo de Liquidez Autonómica e escolleu a débeda privada.

Paralelamente, o Presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, falaba de que o Acordo non se ía cumprir “mesmo chegando a ridiculizar o acordo”. “Pasou o tempo e si que se pode cumprir este Acordo do BNG, habendo unha proposta enriba da mesa para que a Galiza teña unha quita da débeda de máis 4.000 M€” reivindica a senadora.

O PP terá que explicar por que nega máis recursos para a Galiza, di Carme

“O Partido Popular -co presidente Rueda, á fronte para obedecer as decisións que o PP toma en Madrid- agora di que non quere a quita da débeda. Teralle que explicar aos galegos e galegas por que renuncia a incrementar os recursos dispoñíbeis para a sanidade, para a educación, para vivenda e facer fronte ás competencias” sinala Carme da Silva.

O Conselleiro de Facenda, seguindo as ordes de Rueda, anunciaba o 25 de marzo que se reuniría co Ministerio “pero xa avisa de que non aceptará a quita da débeda. Unha reunión técnica que leva unha decisión política previa”. A senadora do BNG, neste sentido, enumera as cuestións que se podería tratar nesa reunión entre administracións: “non se falará de en que termos se regulará a quita da débeda, se poderían aspirar a que fose máis, en que condicións se tería que formular para dar satisfacción plena ao goberno da Xunta, etc”.

“Ante a insubmisión reiterada por parte de Rueda de non asumir e non querer a quita da débeda, o BNG reclama ao Goberno que actúe para que a sociedade galega non pague submisión do PP ao mandato de Madrid” enfatiza a senadora nacionalista.

Galiza coa chave dos seus cartos e rexeitamento do aumento do gasto militar

Sistema de financiamento. Queremos un acordo bilateral, responsabilidade fiscal e control dos ingresos. “Hai máis de 4.000 empresas que desenvolven a súa actividade na Galiza mais os seus impostos, despois, recádanse en Madrid. Como moitas das eléctricas que explotan os nosos recursos enerxéticos galegos pero tributan no buraco fiscal” sinala Carme da Silva.

“Pensamos que o mellor para os galegos é que teñan a chave dos seus cartos. O déficit fiscal galego, por exemplo, é superior aos 5.000 M€ aínda que por parte do PP e do PSOE se negue de forma sistemática” denuncia a senadora do BNG.

“Temos a seguranza de que o incremento de máis de 800 000 M€ que se está formulando na Unión Europea para o rearme e gasto militar, terá consecuencias no gasto social. Cal é o límite? A débeda e o déficit incrementaranse” alerta Carme da Silva. Ante esta formulación avalada polo Goberno, a senadora nacionalista require coñecer a repercusión que isto terá para o vindeiro sistema de financiamento, xa que as Comunidades Autónomas son as que xestionan e financian a meirande parte dos servizos públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG