Parlamento Galego

BNG logra apoio unánime no Parlamento para que a Xunta medie entre empresa e traballadoras das residencias privadas

Olalla Rodil con traballadoras das residencias
Olalla Rodil con traballadoras das residencias

Rodil sinala a Xunta como responsable directa das malas condicións laborais nas que se encontran e reclámalle que as reciba para escoitar as súas demandas

 “A Xunta é responsable por financiar as empresas privadas e por regular os rateos de persoal a través dunha orde de 1996”, apunta a portavoz de política social

A portavoz de Política Social do BNG, Olalla Rodil, pediulle á Xunta de Rueda que medie entre a patronal e as traballadoras das residencias privadas, en plena negociación do novo convenio colectivo, para promover a melloras das súas condicións laborais e salariais, facendo valer a súa posición como autoridade laboral e máxima responsábel en materia de servizos socias.

Tamén demandou unha reunión do Goberno galego coas e coa súa representación sindical para coñecer de primeira man a situación na que se atopan e as súas demandas.  Ambas propostas foron aprobadas por unanimidade.

Rodil comezou a súa exposición na Comisión 5ª agradecendo a presenza no Parlamento das traballadoras da residencia Domusvi de Ferrol e Domusvi de Laraxe, en Cabanas, que seguiron o debate desde a Sala Domingo Fontán. O 90% das máis de 12 mil traballadoras en residencias privadas de Galiza son mulleres, traballadoras  que, segundo lembrou, aínda están agardando a que alguén da Xunta as reciba. “Nin sequera se dignan a escoitalas malia a que é responsable directa das condicións nas que traballan”. “Teñen as traballadoras aos pés dos cabalos”, recriminou.

A Xunta é responsable, aclarou, porque é o Goberno galego o que regula os rateos de persoal a través dunha orde de 1996 e porque, malia que se trata de empresas privadas, a práctica totalidade delas reciben máis de 100 millóns de euros públicos ao ano pola vía da concertación de prazas. Noutros casos, engadiu, “a Xunta é responsable por ser propietaria  destes centros”, como é o caso da residencia de Laraxe,  feita con cartos públicos e privatizada por 13 millóns de euros polo goberno en funcións do PP de Fraga en 2005 e xestionada hoxe por Domusvi, con 172 persoas altamente dependentes e na que traballan 50 mulleres.

As traballadoras das residencias privadas, que supoñen o 80% das existentes en Galiza, atópanse inmersas no proceso de negociación do novo convenio colectivo e até o momento, non houbo acordo coa patronal do sector toda vez que a representación sindical e as propias traballadoras non ven na proposta formulada polas empresas unha mellora das súas condicións laborais. É por iso que Rodil pediu a implicación da Xunta para que “haxa realmente unha negociación equilibrada nas negociacións, porque o que está facendo o Partido Popular é deixar esas mulleres aos pes dos cabalos”.

Fixo fincapé na profunda precariedade das condicións laborais e salariais do persoal das residencias privadas, con traballadoras con contratos indefinidos e antigüidades superiores a dez anos que non perciben nin sequera o Salario Mínimo Interprofesional. Así mesmo, os complementos por nocturnidade ou festivos son pírricos tendo en conta o traballo que deben desenvolver.  “A Xunta é responsable de que haxa mulleres cobrando 1.090 euros con 18 anos de antigüidade, ou de que haxa só 2 auxiliares para atender na quenda de noite residencias con 160 prazas e 5 plantas de edificio”.

Rodil recalcou que “a Xunta non se pode desentender da situación argumentando que son empresas privadas e que non ten nada que ver co asunto porque noutros sectores si que o fai”, criticou, poñendo como exemplo a Mesa do Leite, onde a administración se reúne coa industria láctea que opera en Galiza para abordar prezos ou impulsar contratos homologado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG