Parlamento Galego

BNG acusa o Goberno do PP de elixir feudalismo e non futuro ao prorrogar a concesión do Hotel Monumento San Clodio

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas critica á Xunta por impedir que outras empresas optasen á xestión: “Este é un exemplo máis co capitalismo de ‘amiguetes’ do PP”  

A deputada do BNG por Ourense Noa Presas acusou o Goberno do PP de apostar polo feudalismo e non polo futuro da comarca do Ribeiro ao prorrogar por cinco anos máis a concesión a Hotusa da xestión do Hotel Monumento San Clodio, en Leiro, “un auténtico escándalo” —sostivo— polos reiterados incumprimentos da empresa ao longo dos últimos 25 anos.

“Había dúas posibilidades, feudalismo ou futuro, e o Goberno do PP elixiu seguir cun modelo de explotación feudal, financiando co erario público unha infraestrutura inconmensurable  e sen fiscalizar para garantir a xestión adecuada por parte dunha empresa que está tendo beneficios e que, polo tanto se está lucrando de patrimonio colectivo”, asegurou a deputada nacionalista durante na Comisión 3ª do Parlamento, na que o BNG volveu levar esta cuestión, xusto despois de que no “tempo de desconto” e ocultando os seus plans, a Xunta anunciase a prórroga.

Presas reprochou ao Executivo de Rueda que, pese á mala xestión por parte da empresa, que nin abriu o hotel o tempo estipulado nin cumpriu a normativa de visitas regradas para un monumento BIC,  impedise que outras empresas optasen a concesión a través dun concurso público. “Este é un exemplo máis do capitalismo de amiguetes do PP”, afirmou, lamentando a “oportunidade perdida” para “a comarca do Ribeiro, para Ourense e para o resto do País”.

A deputada ourensá subliñou que o sucedido coa concesión  do hotel é tamén un “escándalo” dende o punto de vista democrático, posto que o PP ocultou ao Parlamento, nomeadamente ao BNG, a información que se requiriu polo artigo 9 e a través das iniciativas presentadas, de forma que “nin tan sequera tiveron a valentía” de recoñecer que “xa tiñan decidido que ía haber prórroga”, malia ser a xestión empresarial do hotel monumento San Clodio “un paradigma da mala xestión hoteleira e da precarización dos e das traballadoras”.

“Son vostedes o goberno menos transparente da historia deste País,  o goberno que menos respectou o Parlamento, o  que menos respecta as alternativas da oposición, e o que máis está maltratando, ademais, a comarca do Ribeiro”, destacou.  

Ao longo da súa intervención, Presas lembrou que a historia desde hotel monumento remóntase xa a 1994,  cando Xunta, Bispado de Ourense, Comunidade Benedictina de Samos e concello de Leiro asinaron un convenio de colaboración. En 1999 o Consello da Xunta aceptou a cesión do dereito real de uso, a título gratuíto e por tempo indefinido para a instalación de “diversos servizos dependentes da Xunta de Galiza”. Finalmente, en xaneiro de 2000, a Xunta licita un concurso para xestionar como infraestrutura hoteleira un monumento excepcional con mostras de románico e barroco de incalculable valor cultural, patrimonial e social que debe ser protexido e valorizado. Subliñou, así mesmo, a inxente cantidade de recursos públicos investidos na infraestrutura, tanto do erario da Xunta como de fondos europeos.

En relación ao Hotel Monumento de San Clodio,  Presas preguntou tamén ao goberno pola xestión do spa do viño, que custou máis de dous millóns de euros públicos e está pechado e coa concesión caducada.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG