Parlamento Galego

BNG acusa o PP de esnaquizar coas súas políticas o dereito dos galegos e as galegas a ter unha sanidade pública de calidade

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado denuncia que o Executivo de Rueda ten “sumida nun pozo” á atención primaria, da que se detraeron 170 millóns de euros só no ano 2023

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, acusou ao Goberno de Rueda de “esnaquizar” coas súas políticas o dereito dos galegos e das galegas a ter unha sanidade pública de calidade, cunha atención cada día máis deteriorada pola negativa do PP a poñer solucións ás listas de espera, a falta de profesionais pola ausencia dunha planificación de recursos humanos ou ao colapso da atención primaria.

“A política do PP non está pensada para dar solución aos problemas da sanidade pública, senón para que os galegos e as galegas asuman a tremenda situación na que está como algo inevitable”, asegurou Prado durante a súa intervención para defender a proposición non de lei rexistrada polo BNG cunha batería de iniciativas para implantar un novo modelo de atención primaria que mellore a atención neste primeiro andar da sanidade pública.  

Lonxe de mellorala, Prado acusou ao Goberno de Rueda de estar facendo “todo o posible” para seguir desmantelando a Atención Primaria como se demostrar, por exemplo, na falta de orzamentos.  Acusou, neste sentido, que o recorte acumulado entre 2009 e 2025 é de 2.000 millóns de euros. “Aplicando o IPC tería que ter 275 millóns de euros máis”, precisou.

Segundo vén de constatar o Consello de Contas, a cantidade é aínda máis baixa da orzamentada, pois os expedientes de transferencia de crédito do 2023 supoñen 170 millóns de euros e implicaron unha redución dos créditos destinados a atención primaria fronte ao incremento, practicamente na mesma contía, dos destinados a atención hospitalaria. Remitíndose ao último informe do órgano fiscalizador, detallou, “o programa de atención primaria 412B é o maior financiador en favor dos programas 412A, de atención hospitalaria, e 414A, de formación de graduados e posgraduados).

“O Partido Popular ten a atención primaria sumida nun pozo”, proseguiu, para destacar a continuación que, segundo o últimos informe anual do sistema de saúde publicado polo Ministerio, Galiza segue estando á cola en orzamento destinado a Atención Primaria, un 11,79 %, fronte ao 14,17 % da media do Estado. Só Madrid inviste menos que Galiza.

Prado lamentou que “o PP, os do sí —apuntou con retranca— voten sistematicamente en contra das iniciativas do BNG para mellorar a atención primaria”. Propostas como a debatida hoxe para, entre outras cuestións, aumentar o orzamento destinado a atención primaria até chegar ao 25 % na actual lexislatura, presentar de inmediato un informe que permita ter unha radiografía fidedigna da situación do seu cadro de persoal, rematar coa precariedade e explotación nas condicións laborais, ou poñer en marcha un plan de retorno, captación e fidelización de profesionais.

A batería de medidas presentada polo BNG incluía así mesmo a incorporación de categorías novas en número suficiente para formar auténticos equipos disciplinares (psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadoras/os sociais, podólogas/os o opticas/os-optometristas), e tomar todas as medidas necesarias para garantir que na formación universitaria a presenza da Atención Primaria sexa acorde á relevancia que este nivel asistencial representa na atención á poboación.  

Prado advertiu o PP que os galegos e as galegas non van permitir o “ataque” do PP á sanidade pública, como se demostrou nas masivas manifestacións de Vigo e A Mariña e se vai demostrar na que se celebrará este domingo en Santiago de Compostela.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG