Parlamento Europeo

Ana Miranda insta á Comisión Europea a avaliar “con urxencia” o impacto de Altri no medio ambiente e nos recursos pesqueiros

Ana Miranda
Ana Miranda

A eurodeputada do BNG subliñou na Eurocámara que a CE non pode autorizar fondos europeos para un proxecto tan contaminante

No debate que tivo lugar esta tarde na Eurocámara sobre o “Pacto europeo dos océanos”, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou á Comisión Europea que avalíe “con urxencia” o impacto da macrocelulosa Altri, que o PP quere instalar en Palas de Rei, tanto sobre o medio ambiente como sobre os recursos pesqueiros galegos, en especial os da ría de Arousa.

“Protexer os océanos, protexer o mar, protexer as rías. Comisario, cando vaia a Galiza, ao meu país, reúnase coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa. Nesa ría traballan mariscadoras e mariñeiros, nesa ría a pesca e o marisqueo é a principal actividade económica”, salientou a eurodeputada galega, ao tempo que denunciou que o seu traballo e os recursos mariños están ameazados por unha macrocelulosa contaminante, Altri, “que o goberno galego quede instalar no centro de Galiza”.

Así, na súa intervención Ana Miranda explicou que este macroproxecto verterá, a través do río Ulla, millóns de litros de auga directamente ao mar, poñendo en perigo a actividade marisqueira da Ría de Arousa, “a máis produtiva do país”. Por esta razón trasladoulle tanto ao Comisario de Pesca, Costas Kadis, como á presidenta da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Carmen Crespo, que a Comisión Europea debe examinar o impacto do proxecto sobre o medio ambiente e os recursos pesqueiros.

Contestación social

“Hai un grande berro social, Comisario, escoite esta xente”, manifestou a eurodeputada do BNG en relación as miles de persoas que se teñen manifestado contra a execución de Altri, tanto en decembro en Santiago de Compostela como hai dúas semanas na Pobra do Caramiñal.

Por outro lado, Miranda subliñou que a Comisión non pode autorizar fondos europeos a un proxecto que contaminará o mar e tamén a terra e que segundo os estudos científicos vulnerará até 14 directivas europeas. Así, provocará a contaminación das augas do río Ulla e do embalse de Portodemouros, contaminación ambiental, destrución de hábitats singulares e perda de biodiversidade polo impulso dunha maior eucaliptización da Galiza, ademais de poñer en risco tres especies de flora en perigo de extinción.

Pola contra, o BNG defende que so 250 millóns de fondos europeos que a macrocelulosa pretende recibir teñen que servir para “a protección da nosa terra e o saneamento das nosas rías, non para destruílas”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG