A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao Goberno de Alfonso Rueda que acometa unha avaliación inmediata do impacto que terán na economía galega os aranceis á UE anunciados polo presidente de EEUU, Donald Trump, e articule un plan de axudas para os sectores directamente afectados, co obxectivo de garantir a súa actividade e o emprego.
Pontón mostrou a preocupación do BNG pola imposición duns aranceis que afectan “de cheo” a algúns sectores que son moi importantes para Galiza, como os do viño, o metal ou a automoción, polo que considerou fundamental que a Xunta avalíe de inmediato o impacto da medida anunciada por Trump e poña en marcha un plan de axudas que permita aos sectores afectados asegurar o mantemento dos seus centros produtivos e dos seus postos de traballo.
A portavoz do BNG avogou en rolda de prensa por establecer un diálogo que permita a colaboración entre a Xunta e o tecido produtivo para que os sectores afectados “poidan abrir novas vías de negocio” que garanten a súa actividade. “Estamos nun momento no que é necesario actuar con dilixencia e en contacto directo con estes sectores”, sintetizou.
Na súa análise da situación que se abre logo do anuncio de Trump, Pontón tamén apuntou á conveniencia de afrontar un debate máis de futuro que é a necesidade de que Galiza produza máis e diversifique o máximo posible a súa actividade económica para aproveitar todo o potencial que ten o País, por exemplo, en sectores como o da produción de alimentos.
Neste sentido, recordou que no último ano, Galiza importou produtos cárnicos e vexetais de EEUU por valor de 100 millóns de euros, mentres o País está á cola de todo o Estado en superficie agraria útil ou ten unha parte do seu territorio abandonado.
“Este escenario pon de relevo a necesidade que temos de apostar por producir máis aquí e tamén por apoiar máis o produto de proximidade, o produto local, na liña dalgunhas iniciativas que xa temos posto en marcha e propostos desde o BNG”, afondou, para definir a continuación esta cuestión como un tema “clave de futuro” para Galiza nun escenario no que as normas que rexían o comercio internacional “están saltando polos aires”.
“É necesario reposicionarse e aproveitar esta situación para dimensionar o que producimos e apoiar máis o produto do noso País”, concluíu.