Pontón: “Sargadelos é marca Galiza e o Goberno de Rueda ten que actuar de inmediato para garantir o futuro da planta”

Ana Pontón
Ana Pontón

Destaca que as fábricas desta firma son BIC, ademais dun referente cultural con 200 anos de historia, todo un símbolo do País

Considera que non hai razóns obxectivas para a desaparición dunha firma que está nun bo momento e subliña que ninguén está por riba da lei

O BNG xa pediu a comparecencia da titular de Industria no Parlamento e rexistrou varias iniciativas para evitar un peche que sería un despropósito 

A portavoz nacional, Ana Pontón, reclamou ao Goberno de Alfonso Rueda que “actúe de inmediato” para evitar o peche da emblemática fábrica de Sargadelos en Cervo porque a súa desaparición suporía “moito máis que o peche ordinario dunha empresa” dado que Sargadelos é “marca de País e un símbolo nacional de Galiza”.

Pontón considerou “incomprensible” a “morna resposta” do Executivo do PP que se limitou a emitir un comunicado de prensa fronte a un anuncio que suporía pechar unha factoría que, ademais, é Ben de Interese Cultural (BIC) e representa moito máis que unha fábrica de cerámica de extraordinaria calidade. “Estamos falando de 200 anos da historia de Galiza”, recalcou.

“Este tema require da máxima implicación da Xunta e o que esperamos é algo máis que un comunicado porque, evidentemente, ten mecanismos para poder intervir e este é un momento no que se debe actuar con todas as ferramentas legais de negociación e políticas que ten o Goberno galego”, afondou.

A líder nacionalista destacou en rolda de prensa que Sargadelos é “un emblema cultural e artístico de Galiza” e un referente económico da industria galega na que entran en xogo outras consideracións a ter en conta para reclamarlle ao Executivo que “tome cartas no asunto”.

Neste sentido, recordou que a firma recibiu máis de medio millón de euros de axudas públicas, ademais dun crédito subvencionado de 600.000 euros, investimento público vinculado a que e garante a actividade económica e o emprego, tal e como entende o BNG xa que, subliñou, “cando se financia a empresas con recursos públicos ten que haber ese retorno en termos de actividade produtiva e de emprego”.   

En segundo lugar, Pontón lembrou tamén que a Xunta formou parte do padroado da Fundación Sargadelos que, por certo, abandonou cando a parella do entón presidente Alberto Núñez Feijóo, foi contratada polo novo propietario, e que tanto a Fundación como o padroado recibiron tamén fondos públicos.

Por último, recalcou que a empresa garda, ademais das fábricas de Cervo e Sada, “unha parte esencial do patrimonio material e inmaterial de Galiza”, desde os seus edificios, declarados BIC, ate o legado patrimonial e artístico de referentes indiscutibles nas vangardas artísticas do País como Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane ou Carlos Maside.

“Todas estas son razóns que xustifican, aínda máis, que o Goberno do PP actúe e interveña para aclarar as circunstancias nas que se anuncia o peche da planta de Cervo despois dunha inspección de Traballo que, en ningún caso, xustifica esta medida e estas actitudes impropias dun Estado de Dereito”, indicou Pontón, quen recordou ademais que todas as informacións coñecidas constatan o “bo momento económico” no que se atopa unha firma que ten “un gran valor de marca” e unha presenza internacional consolidada.

A portavoz nacional trasladou todo o apoio do BNG aos traballadores e traballadoras de Cervo e recalcou que “ninguén está por riba da lei”, senón que, ao contrario, “a lei está para cumprirse”, incluída a normativa que garante a saúde do persoal traballador no seu centro de traballo.

A líder nacionalista avogou por “manter e protexer” o patrimonio de Sargadelos como “parte do patrimonio colectivo do País” e garantir o mantemento do emprego nunha comarca como A Mariña, que ademais vén sufrindo nos últimos anos “perdas constantes” no seu tecido industrial.

Neste sentido, anunciou que o Bloque xa rexistrou diversas iniciativas no Parlamento con este obxectivo, así como a solicitude de comparecencia da conselleira de Industria, co fin de abordar a situación e contribuír dende a Cámara a evitar que se consolide o anuncio de peche da fábrica de Cervo. “Sería un auténtico despropósito e unha enorme perda para Galiza”, concluíu.     

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG