A deputada do BNG, Carme Aira defendeu unha proposición non de lei para que os fondos europeos se destinen a un Plan de desenvolvemento do tecido socioeconómico e demográfico “sólido” no medio rural.
Pola súa parte, a portavoz popular, Raquel Arias anunciou o voto en contra do PP á proposta do BNG argumentando que o goberno galego xa puxo en marcha medidas para desenvolver o rural ao que a deputada nacionalista replicou que resulta imprescindible” que dende a Consellería se dea un “pulo real” ao
desenvolvemento para a pervivencia dos modelos produtivos, territoriais, paisaxísticos e autóctonos” do medio rural. Para acadar este desenvolvemento, recalcou urxe “un plan serio de desenvolvemento rural para este novo período da PAC 23-27” e con tres tres eixos básicos: “o sector agroalimentar, servizos básicos, para fixar poboación e diversificar a económica”.
A parlamentaria do BNG explicou a urxencia desta reclamación ante o remate da negociación da PAC, encontrándose xa pechadas as negociacións das CCAA e o MAPA a respecto do Primeiro pilar e a piques de rematar as correspondentes ao Segundo pilar.
Carme Aira reiterou que Galiza precisa dos fondos e sobre todo que “sexan ben distribuídos” para loitar contra o “baleirado rural” e criticou que o Partido popular persista en negar esta realidade.
Para a nacionalista, as medidas implementadas polo goberno galego “son insuficientes" de aí a necesidade, recalcou, dun Plan con medidas reais para impulsar o medio rural.
A deputada lamentou que o Partido popular rexeitara fortalecer as explotacións familiares, orientar a produción de alimentos de calidade consolidando un tecido empresarial que permita a transformación dos produtos do sector agrario, impulsar novas cadeas de comercialización, garantir o asesoramento público con oficinas agrarias comarcais, favorecer a incorporación da mocidade, pondo terra agraria á súa disposición, incentivar o cooperativismo e apoiar ás microempresas ao que sumou apoiar a I+D+i no sector agroalimentar