PP veta que a Xunta medie no conflito de Xeal e supervise o seu cumprimento das cláusulas de vinculación de actividades

Daniel Pérez
Daniel Pérez
Daniel Pérez cre inxustificable a inacción do Goberno galego ante a segregación encuberta da empresa que só quere a explotación das centrais hidroeléctricas

BNG defendeu no Parlamento galego a mediación da Xunta na “situación de conflitividade sociolaboral xerada no marco da negociación do convenio de Xeal” co obxectivo de salvagardar os dereitos laborais adquiridos polas e polos traballadores, así como o exercicio das súas funcións de control e supervisión do cumprimento das cláusulas de vinculación de actividades para esixir o mantemento do emprego, recuperar a actividade dos fornos ou, se procede, reverter os dereitos de explotación da empresa.

Nunha iniciativa na comisión parlamentaria de Industria, que non prosperou polo veto do PP, o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, considerou inxustificable que o Goberno galego manteña unha “posición equidistante” ante a situación da empresa, “máxime cando estamos a falar dunha empresa que se beneficia de axudas públicas e que pode estar incumprindo, atendendo aos distintos pronunciamentos xudiciais, as condicións dunha concesión pública sobre a que a Xunta ten a competencia”.

Pérez repasou os movementos da dirección de Xeal para reducir o emprego que, segundo recalcou, supuxo dende 2019 a perda de máis de 110 empregos directos e indirectos, reducindo drasticamente a actividade dos fornos e cun recorte constante dos dereitos laborais do cadro de persoal e, ao seu xuízo, evidencia “unha segregación encuberta de actividades” e o seu “absoluto desleixo por recuperar as capacidades produtivas das fábricas”.

“Este desleixo ten a súa razón de ser en que aos actuais propietarios o único que lles interesa son os pingües beneficios que lles reporta a explotación das centrais hidroeléctricas”, advertiu, para a continuación recalcar que esta segregación encuberta de actividades está prohibida polas cláusulas das concesións das centrais.

Diante da situación, o deputado nacionalista afirmou que só cabe que o Goberno galego, e en concreto Augas de Galiza, “exerza as súas funcións de control e supervisión do cumprimento das cláusulas de vinculación de actividades que, de terse vulnerado como todo apunta, poderían supoñer a reversión inmediata dos dereitos de explotación”.

Logo de reprobar a recente agresión ao presidente do comité de empresa e dada a tensión que se vive en Xeal, Pérez considerou igual de urxente a mediación da Xunta para atopar unha saída a esta situación, “facendo valer as prerrogativas que lle confire o feito de tratarse dun complexo industrial anoado, de xeito indisolúbel, á concesión da explotación de centrais hidroeléctricas que constitúen un recurso público”, mais o PP opúxose á iniciativa do BNG. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG