A través dunha proposición non de lei, o deputado do BNG, Luís Bará propuxo, entre outras medidas: trasladar aos grupos parlamentares os estudos sobre avaliación do estado de conservación da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus),nas principais áreas de reprodución de Galiza, presentar un informe sobre a incidencia de actividades industriais intensivas sobre estado poboacional das súas especies, iniciar, de maneira inmediata, a tramitación dos plans de conservación e unha campaña de divulgación para o seu coñecemento, nomeadamente sobre a tartaraña cincenza polo feito de resultar escollida como “ave do ano 2023”.
O PP rexeita a proposta do BNG
O nacionalista lamentou que o Partido popular rexeitara a proposta amosando “un total desleixo” pola protección das mencionadas especies ao que sumou o incumprimento da aprobación, dos plans de recuperación, “tras 15 anos da aprobación do Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza”.
Para o deputado, unha vez máis, a consellería de Medio Ambiente “incumpre as obrigas” coa lexislación vixente e lembrou que existen “expedientes abertos” da Comisión europea relacionados coa deficiente protección de habitats e espazos no Estado español e en Galiza.
Bará tamén indicou que a tartaraña cincenta (Circus pygardus) foi escollida ave do ano 2023 tras unha votación popular convocada pola organización SEO/BirdLife. A seu xuízo, esta escolla “xustifica accións para a súa conservación e protección”.
Especies vulnerables que precisan protección
Por outra banda, indicou que a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus) son especies amparadas pola Directiva Aves ( (79/409/CEE). A maiores, dixo, están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de “vulnerábel”, o que ao abeiro do Decreto 88/2007 e da lei 5/2019 obriga á Xunta a “ aprobar e desenvolver un Plan de conservación para preservar, manter e restablecer as poboacións naturais, facéndoas viábeis”.
Especies ameazadas por plantacións forestais e proliferación de eólicos
Segundo algúns datos que se fixeron públicos , afirmou o nacionalista, as poboacións destas especies sufriron un forte retroceso nos últimos 12 anos, que se cifra nun 60%. As causas deste descenso poboacional teñen que ver coa progresiva desaparición dos seus hábitats afectados negativamente por plantacións forestais, actividades gandeiras intensivas e proliferación de parques eólicos.