Congreso

PP, PSOE e Podemos votan en contra da proposta do BNG para salvar o sector mar-industria

Néstor Rego defendeu unha emenda transaccional ao artigo 18 da Lei de Cambio Climático que exceptuaba as actividades vinculadas ao sector pesqueiro e marisqueiro

A Comisión de Transicción Ecolóxica rexeitou, co voto das outras tres forzas políticas que teñen representación pola Galiza, a proposta transaccional presentada polo BNG para que a mudanza no cómputo das concesións de dominio público estabelecida no artigo 18 non afectase o conxunto de actividades do complexo mar-industria, que aglutina millares de pequenas empresas e decenas de millares de postos de traballo que se poden ver en risco con esta nova regulamentación.

Para o BNG é inxustificábel a posición das forzas que integran o Goberno, PSOE e Podemos (e que teñen 12 deputados e deputadas polo noso País) de desprezo polo futuro de actividades sustentábeis, que acrecentan a cadea de valor dos nosos sectores pesqueiro e marisqueiro e que dan emprego e crean riqueza en toda a nosa costa. Como sempre, preferiron obedecer o que lles ordenaron desde Madrid (e neste caso, directamente desde o Ministerio de Transicción Ecolóxica) que defenderen os intereses da Galiza e das súas xentes.

Igual de inxustificábel e ademais indecente foi a postura do Partido Popular que, após mentir reiteradamente sobre o que defendía o BNG, optou por votar tamén en contra da proposta transaccional. Co seu voto o PP deixou claro que o que realmente lle interesaba era defender os intereses de ENCE na súa pretensión de se manter -contra toda norma e sentido común- na Ría de Pontevedra e que nesa estratexia utilizou o sector mar-industria como coartada.

Tan claro é que votar a favor das emendas que se mantiñan para a supresión dos puntos 3 e 4 do artigo 18 non impedía facelo tamén a favor da emenda transaccional do BNG. Mais neste caso era evidente que a excepción eran as “actividades de acuicultura, depuración de marisco e conserveiras e calquera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentábel”, parámetros en que claramente non entra ENCE que, con artigo 18 ou sen el, terá de saír da Ría de Pontevedra.

Para o deputado do BNG, Néstor Rego, a actitude do Partido Popular é “demagóxica e indecente pois, para alén de mentiren sobre a posición do BNG, utilizaron os millares de pequenas empresas e de traballadores do sector como pretexto para defenderen os intereses dunha grande empresa que non ten porque estar en dominio público, estragando o medio natural e a potencialidade produtiva da Ría de Pontevedra”. “Fica claro que as portas xiratorias funcionan”, remachou Rego, en referencia a ex-altos cargos do PP, como o ex-Conselleiro Carlos del Álamo ou a ex-Ministra Isabel Tocino, que acabaron no Consello de Administración da pasteira.

Para o deputado nacionalista, os deputados e deputadas galegas das tres forzas que votaron en contra “terán que dar explicacións da súa actitude ao conxunto da cidadanía e moi particularmente aos millares de traballadores e traballadoras que poden ver os seus empregos en risco”. Aliás, para Rego, hoxe “ficou claro que só o nacionalismo defende con coherencia os intereses da Galiza e dos galegos e galegas”.

Defensa do complexo mar-industria

Previamente ás votacións, Néstor Rego defendeu na Comisión de Transicción ecolóxica a proposta transaccional. “O BNG defende que hai que protexer o litoral e que actividades contaminantes e agresivas non poden estar localizadas en dominio público como no caso de ENCE na Ría de Pontevedra” apuntou Rego durante a súa intervención. Mais o artigo 18 deste Proxecto de Lei, que modifica de maneira substancial a Lei de Costas, crea unha situación “que pon en risco todo un sector que é respectuoso co medio ambiente e sustentábel vinculado á pesca e o marisqueo”.

O complexo mar-industria, con tanto peso económico e social na Galiza, é conformado por actividades como a acuicultura, as depuradoras de marisco, os cocedoiros, as conserveiras. “Estamos falando de millares de pequenas empresas, e de decenas de millares postos de traballo na Galiza e por iso chamo á sensibilidade de todas as forzas políticas para que apoien esta proposta transaccional” concluíu o deputado nacionalista.

Presentación de máis de 30 emendas

O deputado do BNG lembrou durante o debate na Comisión que a formación nacionalista presentou máis de trinta emendas con espírito construtivo á Lei de Cambio Climático orientadas a “garantir a transición ecolóxica xusta fronte ás Centrais Térmicas en fechamento, a dar máis relevancia aos plans forestais en relación co fomento da biodiversidade, en relación coa mobilidade sustentábel, pulando aínda máis polo transporte ferroviario e o transporte municipal ou para a reversión das concesións hidroeléctricas unha vez finalizadas. “Lamentamos que non houbese suficiente diálogo e interese  por incorporar moitas destas emendas” concluíu Rego.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG