A través dunha proposición non de lei, a parlamentaria do BNG, Olalla Rodil instou á Xunta a adoptar todas as medidas necesarias para defender os dereitos laborais das traballadoras do SAF na negociación do novo convenio colectivo e mellorar as súas condicións de traballo, tanto salariais como sociais, do que cualificou servizo esencial de atención e coidado das persoas maiores e dependentes.
A iniciativa nacionalista tamén incluía un segundo punto para iniciar un proceso de diálogo coa FEGAMP para mellorar o sistema de financiamento e prestación do Servizo de Axuda no Fogar.
Rodil lamentou o veto do Partido popular á iniciativa defendida polo BNG e afirmou que, unha vez máis, o “PP deixa ás traballadoras aos pes dos cabalos”.
Na defensa da proposta, a deputada lembrou que no período Covid o colectivo máis afectado resultou ser o de maior idade, tanto nas residencias de maiores como as persoas usuarias que precisan do servizo de Axuda no Fogar. En Galiza, dixo, hai máis de 24.000 persoas nesta situación e 8.000 traballadoras, na maior parte dependentes de empresas privadas prestadoras do servizos.
Nesta liña, destacou “a precariedade” laboral e salarial cun convenio colectivo caducado dende 2011 ao que sumou “o abuso” das empresas impedindo a negociación dun novo texto laboral. Dende hai anos, explicou a nacionalista, estas traballadoras soportan xornadas a tempo parcial e deben utilizar o seu propio vehículo para o traslado aos domicilios.
A xuízo da deputada, a “Xunta ten unha grande responsabilidade” por que o SAF é un servizo público e financiado con cartos de todos e todas, nada menos, dixo, que “112 millóns saídos directamente da Xunta no ano 2022”, polo tanto, recalcou, é un servizo público para garantir a atención das persoas maiores dependentes no seu domicilio, “ordenado por unha normativa autonómica e xestionado polos concellos”.
Tras a intervención do deputado popular, Alberto Pazos Couñago, a deputada nacionalista recriminou ao Partido popular que manteña unha postura de perfil e falta de apoio ao colectivo de traballadoras do SAF, a pesar de saber que o mantemento do servizo “sae dos petos dos galegos e galegas”. O Goberno galego, reiterou Rodil “inviste 112 millóns públicos no ano 2022” sen reparar “nas condicións de traballo” do que vostedes mesmos, afirmou, consideran un “servizo esencial”.
Rodil lamentou que unha vez máis, o Partido popular insistira en que a Xunta non pode mediar nin intervir neste conflito a pesar das múltiples solicitudes formuladas pola FEGAMP ao goberno para manter unha reunión e abordar unha solución definitiva para o SAF e volveu a reclamar establecer un diálogo real entre a Xunta e a FEGAMP para garantir o servizo de atención e axuda do fogar e sobre todo para “ levar a cabo as reformas necesarias para garantir a estabilidade do propio sistema” relacionado co financiamento e prestación do servizo.
Rodil lembrou as precarias condicións laborais e salariais e denunciou que estas traballadoras non teñen sequera acceso a unha baixa laboral tras un traballo de grande esforzo físico xa que a maioría dos domicilios carecen de grúa. “O Partido popular descoñece as condicións das traballadoras porque en ningún momento quixo reunirse con elas e non sabe que a maior parte das veces acoden ao traballo dopadas”.
A deputada concluíu a súa intervención lamentando que o Partido popular persistira en poñerse “de perfil ” ante as precarias condicións laborais e salariais do colectivo de traballadoras do SAF.