O pleno do Parlamento vota na sesión plenaria de mañá o texto final da Lei de transferencia da AP9 impulsada e presentada polo BNG, que mantivo un papel clave no debate continuado sobre este asunto ao longo dos dous últimos anos, coa presentación tamén da primeira lei de solicitude da transferencia na pasada lexislatura.
A formación nacionalista que lidera Ana Pontón avanza que pedirá aprazar a elección das persoas que van representar ao Parlamento na defensa da lei no Congreso, para promover un cambio no regulamento da Cámara que evite o dislate político de que o grupo impulsor e autor do texto lexislativo sexa excluído do debate da lei en Madrid.
Neste sentido, o Bloque vai propor unha dobre alternativa de reforma: Que o grupo autor dunha lei teña sempre garantido un representante para a súa defensa no Congreso ou ben incrementar de tres a catro o número de representantes, un por cada grupo parlamentario.
Calquera das dúas vías sería perfectamente posible e rápida e podería estar lista no mes de setembro, co inicio do período de sesións, nun trámite sinxelo de lectura única. Simplemente, chegaría con votar a lei e aprazar o nomeamento ata setembro, tendo en conta que pasarán meses antes de que o debate da Lei da AP9 entre na orde do día do Congreso e que, polo tanto, non hai ningunha urxencia para eses nomeamentos.
Vetar a participación do BNG alegando unha cuestión de mera matemática parlamentaria non se sostén, sobre todo porque por esa regra o PP podería elixir a dous dos tres representantes, bastaría con que dividise o seu voto entre dous candidat@s, porque as persoas elixidas serán as tres máis votadas.
As dúas primeiras leis de transferencia da AP9 aprobadas polo Parlamento de Galiza tropezaron co veto do Goberno de Mariano Rajoy, a través de informes en contra da transferencia baseados en imprecisións e argumentos falsos. Eses vetos supuxeron que, a súa vez, a Mesa do Congreso presidida por Ana Pastor vetase mesmo o debate da lei aprobada polo parlamento galego na Cámara baixa, que se espera poder levar a cabo tras o cambio no Executivo do Estado.