A portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, pide ao Goberno da Xunta que adopte as medidas necesarias para abaratar o prezo da gasolina e do gasóleo en Galiza, xa que figuran entre os máis caros do Estado nun país á cola en salarios, o que supón un sobreesforzo para familias e empresas.
“O elevadísimo prezo dos carburantes é unha constante nos últimos anos mesmo contando cunha refinería na cidade da Coruña sen que iso supoña ningunha vantaxe, nin teña o efecto de abaratar o seu custo. Trátase dun exemplo evidente da irracionalidade e inxustiza dun modelo que debe ser transformado”, salientou Presas no debate en comisión parlamentaria.
“Os galegos e as galegas pagan máis que a media do Estado cada vez que paran nunha estación de servizo”, como sinala o último informe mensual publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que achega datos de xullo do 2018 e recolle que o prezo do gasóleo é o máis alto e o da gasolina o segundo máis elevado.
Por iso, defendeu Presas, “Galiza debe ter unha estratexia propia para equilibrar os prezos dos carburantes e tamén unha posición propia a respecto dos debates abertos no Estado. Algo no que vemos ao Goberno de Feixóo desaparecido deixando esta cuestión de lado, pese aos acordos nesta cámara e as promesas por parte do presidente galego”.
Presas tamén reprochou ao goberno do PP que, de novo, pretenda botar balóns fora e trasladar esta responsabilidade aos concellos apelando ás autoridades municipais para abrir estacións de servizo. “Unha vez máis, un goberno incapaz, deixando todo o peso dos problemas nas mans dos concellos, dá igual cal sexa, conciliación, para os concellos; deslocalización, para os concellos; franxas de protección, culpa dos concellos. Agora tamén o prezo do gasóleo”, criticou.