- “Son uns orzamentos devorados por unha máquina funcionarial que só responde a intereses clientelares”, denunciou no debate das contas 2017
As prácticas caciquís de décadas da “dinastía Baltar” e a imputación por acoso sexual do actual presidente da Deputación de Ourense marcaron a intervención da deputada Noa Presas no debate parlamentario sobre os orzamentos do ente provincial para 2017.
“As deputacións perviven porque son un instrumento útil ao PP como medio de control social. E nisto son cómplices o señor Baltar I, vostede señor Baltar II e tamén o señor presidente da Xunta que lles adebeda o control dunha provincia base para as súas maiorías”, denunciou Presas.
A deputada nacionalista lembrou as consecuencias devastadoras en termos económicos e sociais de trinta anos de Baltarismo. “Eu nacín en 1987, case co comezo da dinastía Baltar, e a miña xeración ten en común coa nosa provincia ser unha especie en perigo de extinción”, alegou tras lembrar que Ourense perdeu 3.583 habitantes no último ano, decadencia demográfica da que só se libraron 7 dos 92 concellos da provincia.
“As súas políticas lévannos á desaparición, son un anestésico e aprovéitanse da situación de necesidade das persoas”. Neste sentido, Presas lembrou a imputación por acoso sexual contra Xosé Manuel Baltar, unha cuestión que, máis aló das consecuencias xurídicas, debería ter provocado o cese inmediato do afectado e que levou a Presas a facerlle unha recomendación ao presidente da deputación.
“Podería vostede facer algo que é gratis, que non ten necesidade de orzamentos, cumprir o seu código ético ou modificalo para incluír o dereito de pernada”, declarou.
Presas lembrou a posición do BNG a prol da desaparición das deputacións, como institucións obsoletas. Pero mentres persistan, -porque o Bloque non ten representación suficiente para derrogalas-, participa nos gobernos para democratizalas e acabar co clientelismo que practica o PP en Ourense.
“En Galiza hai dez concellos que teñen xa máis electores no estranxeiro que dentro do municipio, nove están en Ourense, hai cen localidades nas que 1/3 dos posíbeis votantes residen noutro país, 55 nesta provincia, argumentou con datos a deputada do Bloque”, explicou a deputada.
“Vendo as cifras da Deputación de Ourense temos claro cales son as prioridades de Baltar a diferenza das de Coruña ou Pontevedra”, indicou Presas.
Os gastos de funcionamento cómense o 60% do orzamento, a única deputación que adica máis da metade dos recursos a esta partida. Por contra, é a que menos inviste, un 23,4%. “Case temos que aledarnos porque para que nos fagan máis hipódromos”, ironizou Presas. Tamén é a que menos orzamento destina a protección e promoción social, un 7%. “Uns orzamentos devorados por unha máquina funcionarial que non responde a outra cousa que a intereses clientelares”, concluíu a deputada.