Néstor Rego: “Para que Galiza teña voz propia e frear a ultradereita, hai que concentrar todo o voto en clave galega no BNG”

Néstor Rego
Néstor Rego

Asegura que  os votos do BNG servirán no Congreso para defender os intereses de todos e todas as galegas porque o BNG só debe lealdade a Galiza

Tereixa Novo apela á forza das mulleres do 8 M para demostrar á dereita machista, antigalega, e racista que as mulleres galegas non imos permitir perder un só dos dereitos conquistados

O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego afirmou hoxe no concello de Ordes que “para que Galiza teña voz propia e frear a ultradereita, hai que concentrar todo o voto en chave galega, no BNG”

No mitin, acompañado polo candidato do BNG á Alcaldía de Ordes, Pablo Vidal e a cabeza de lista ao Senado, Tereixa Novo, Rego recalcou que estamos na recta final dunha campaña electoral na que a día de hoxe, “o BNG disputa un deputado a Vox e Ciudadanos” polo que pediu aos veciños e veciñas de Ordes apoiar ao BNG porque un “deputado para o BNG é un deputado menos para a dereita”. Agora, dixo, é o momento de votar e ninguén mellor que o BNG para defender os dereitos e liberdades de todos os galegos e galegas. Podedes estar seguros e seguras de que os vosos votos serán utilizados no Congreso para “botar abaixo a contrarreforma laboral, a LONCE, a Lei Mordaza e lei  das pensións”. Neste sentido, explicou que  hoxe máis que nunca é urxente defender os dereitos de todos os traballadores e traballadoras e para isto, remarcou, é necesario “contar cunha voz propia en Madrid”.

Rego asegurou que o BNG reclamará no Congreso “a pensión ordinaria aos 65 anos  e a parcial aos 61 anos” pero tamén, engadiu,  queremos avanzar en dereitos como: A redución da xornada a 35 horas sen redución de salario ou a  subida do salario mínimo e as pensións, de maneira progresiva, até o 60% do salario medio, situado na actualidade en 1.150 €.

Tereixa NovoO candidato nacionalista reiterou que o 28 de abril, Galiza ten a oportunidade de rachar co “silencio” ao que nos levaron as forzas estatais e outras  que se presentaron para mudalo todo e xa vimos como nos trataron nos últimos orzamentos pactados entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias. Só  da man do BNG estará presente Galiza no Congreso e os vosos votos serán os que decidan o noso futuro, “o futuro dos nosos sectores produtivos, contar cunha tarifa eléctrica que abarate o recibo da luz das familias e das empresas,  a transferencia da AP-9, xerar emprego, subir as pensións e sobre todo, impedir que as forzas españolistas nos queiran trasladar a corenta anos atrás”. O 28 de abril imos impedir que a involución avance, que ataquen os nosos  dereitos lingüísticos, que retrocedamos na loita contra a violencia de xénero e que a nosa mocidade sega emigrando porque no seu país non ten oportunidades para decidir un proxecto de vida.

Rego cominou a todos os veciños e veciñas de Ordes e comarca a participar o 28A e demostrar, co seu voto ao BNG, “que imos frear esas políticas que tanto nos levan danado a través dos  diferentes gobernos do PP e PSOE ao que agora se suma á extremadereita máis reaccionaria e involucionista”.

A FORZA DAS MULLERES DO 8M  FREARÁN EN GALIZA Á DEREITA MACHISTA

Pola súa parte, a cabeza de lista por A Coruña, ao Senado, Tereixa Novo asegurou que as mulleres galegas e a forza do 8M demostrarán cos seus  votos que somos capaces de   impedir que a dereita machista “nos roube os dereitos conquistados”. Non imos permitir, dixo, que a dereita queira recortar na loita contra a violencia de xénero, máis ben todo o contrario, é preciso ter máis recursos e medios para impedir que sigan asasinando a mulleres polo feito de seren mulleres.

A candidata do BNG ao Senado insistiu en que hoxe máis que nunca, é necesario crer “no gran potencial de Galiza, no seu talento, no seu traballo, e na súa capacidade para enfrontarse a novos retos” pero para iso necesita unha voz propia que a defenda nos foros nos que se toman as decisións políticas.

Novo animou aos veciños e veciñas de Ordes e a súa comarca a confiar nunha forza política que leva anos “dicindo o que pensa e facendo o que di” e sen obediencia a ningunha forza estatal. A candidata do BNG ao Senado pediu o voto “co corazón e coa cabeza” para que Galiza volva a contar no Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG