Municipais 2023

Néstor Rego destaca a capacidade de Ricardo Suárez para liderar o cambio en Noia

Encontro marisqueo
Encontro marisqueo
O deputado do BNG remarca o compromiso do BNG co sector marisqueiro e a rexeneración da Ría

O portavoz do Bloque no Congreso, Néstor Rego, achegouse este sábado á localidade de Noia, na que destacou “a capacidade e o compromiso demostrados nos últimos catro anos por Ricardo Suárez”. Rego asegurou estar certo de que o BNG obterá uns “moi bos resultados” nas próximas eleccións municipais nos municipios da ría de Muros e Noia e de que estes serán “o principal alicerce para desaloxar o Partido Popular das Alcaldías”.

O deputado nacionalista mantivo unha reunión co sector marisqueiro na que lembrou a negativa do Goberno español a desenvolver as actuacións de rexeneración da ría de Muros e Noia que propuxo a través das emendas aos Orzamentos Xerais do Estado. “Tan só un BNG forte no Concello de Noia e no resto de institucións, neste caso no Congreso, é garante dunha aposta firme polo rexeneración das rías, especialmente no caso dunha tan produtiva como é a de Muros e Noia”, afirmou Rego.

Neste sentido, o representante do BNG sinalou a necesidade de establecer un plan conxunto dos diferentes niveis da Administración para desenvolver actuacións coordinadas para a mellora da calidade da augas da ría e a rexeneración dos bancos marisqueiros. “Temos claro que o Concello de Noia ten que apostar por completar a rede de saneamento municipal, que a Xunta ten que colaborar co municipio para establecer as estacións de depuración de augas residuais necesarias para xestionar os caudais que cheguen da rede e que o Goberno estatal ten que apostar pola rexeneración da ría, votar ao BNG significa apostar por un compromiso claro coa actividade marisqueira e a calidade ambiental”, dixo.

Encontro marisqueo
Encontro marisqueo

Sobre a problemática derivada da autorización de vertidos nas minas de San Finx e o abandono da presa de residuos mineiros desta explotación, Rego criticou a “actitude dunha Xunta permite o espolio de recursos por parte dunha multinacional estranxeira que incumpre as normas e pon en perigo miles de postos de traballo”. Ademais, o nacionalista tamén censurou “o desleixo dun Goberno español que se pon de perfil no canto de controlar a legalidade nas minas de San Finx”.

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía polo BNG, Ricardo Suárez, mostrouse “ilusionado polo apoio que o seu equipo está a recibir por parte da veciñanza”. “A nosa principal prioridade é desenvolver un plan plurianual de investimentos para completar a rede integral de saneamento durante o próximo mandato e traballar con outras Administracións para deixar de verter augas residuais ao medio”, afirmou.

Suárez apostou polo desenvolvemento económico a través da creación dun centro de transformación de alimentos especializado no berberecho e na ameixa. “Debemos promover que se complete o ciclo produtivo dos produtos estrela da nosa ría no noso municipio”, sinalou. Ademais, tamén destacou a potencialidade da investigación e o desenvolvemento no campo da bioloxía mariña, poñendo como exemplo a boa labor da Confraría de Noia coa produción de semente de bivalvo. “Temos na nosa ría o mellor laboratorio científico, hai que traballar coas confrarías e coas universidades para que a investigación nos axude a mellorar a capacidade produtiva da ría, a xerar emprego e a afrontar os problemas ambientais e climáticos que virán no futuro”, explicou o candidato do BNG noiés.

Despois da reunión coa confraría, os representantes nacionalistas realizaron unha visita ao lugar da Barquiña na que atenderon os problemas da veciñanza. O percorrido rematou na explanada da esquina, onde visitaron as tubaxes de fibrocemento abandonadas en primeira liña de costa. “Estas tubaxes abandonadas son o exemplo perfecto do desleixo das diferentes administracións coa protección do litoral noiés, precisamos un Goberno do BNG para que a rexeneración de espazos costeiros como o da Barquiña sexa unha prioridade”, concluíu Néstor Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG