- O deputado do BNG tamén reclamou un “enfoque de xénero” para a actividade agrogandeira e de transformación
O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas acusou hoxe a Axencia de Desenvolvemento Rural Galego de carecer de proxecto ante a perda de poboación e actividade polo que reclamou un “plan de emerxencia no que se impliquen diferentes consellerías”.
O parlamentario nacionalista explicou que Feijóo aceptou un notable recorte de fondos do Estado para políticas de desenvolvemento rural, “ 1.493 M€ menos”. O PP de Rajoy, co consentimento de Feijóo, “bótalle unha man ao rural galego pero ao pescozo”, ironizou.
Trala comparecencia do responsable de AGADER, Miguel Ángel Pérez, o parlamentario nacionalista preguntou se os orzamentos que vai xestionar a a axencia desenvolverá programas de formación, modernización e incorporación dos avances aplicados ao gando e a terra e se as “nosas froiteiras esterán surtidas de mazás galegas e razas autóctonas de calidade”, nun período inferior a dez anos.
O nacionalista reivindicou o impulso das variedades autóctonas entre as que destacou a “pera, castaña e cereixa do país” e neste sentido preguntou quén se ocupará desta materia e que mercado o vai rexer e ordenar.
O deputado do BNG tamén se interesou polo Banco de Terras como “prioridade na estratexia de desenvolvemento e ferramenta para o sector lácteo” e que o litro de leite, explicou, “deixe uns céntimos máis de ganancia” pero todo indica dixo, que o Partido popular concibe Galiza como unha grande granxa “sen base territorial dependente de forraxes e cereais procedentes de fora”.
Un plan de emerxencia e máis presenza da muller no medio rural
O parlamentario do BNG, considerou “necesario e urxente” un plan de emerxencia con ideas revitalizadoras para fixar poboación, microempresas, centros de maiores, casas niño...acompañadas de actividade laboral e económica para vertebrar de maneira real o territorio, recalcou.
Xosé Luís Rivas tamén pediu ao responsable de AGADER “un enfoque de xénero” na actividade agrogandeira e de transformación. É necesario, dixo, que as mulleres desenvolvan a actividade agraria porque contan con experiencia amplamente demostrada, “ofrézanlle ás xentes do campo un gramo de esperanza”, concluíu.