Xunto co Día da Visibilidade Lésbica Galega que se celebra o 8 de xuño en conmemoración do casamento de Marcela e Elisa na Coruña en 1901, ao nivel internacional escolleuse o 26 de abril como Día Internacional da Visibilidade Lésbica para visibilizar o papel das lesbianas no espazo público.
Infelizmente, as medidas restritivas concibidas para frear o avance da COVID con que xa levamos vivindo máis dun ano non fixeron nada para frear o virus do cisheteropatriarcado. Todo o contrario. De feito, no marco da crise sanitaria e as súas consecuencias, as agresións contra as mulleres en xeral e contra as mulleres trans e/ou lesbianas en particular seguiron. Ao cortar as persoas LGBT das súas redes de apoio habituais, tamén aumentou o risco de se empeoraren os problemas de saúde mental aos cales as persoas do colectivo LGBT e as mulleres están máis expostas, exacerbado pola maior dificultade que entraña poder consultar un/ha profesional.
Neste mundo no cal se nos quere facer crer que non queda máis nada para que loitar tras conquistarmos o dereito ao matrimonio entre persoas do mesmo xénero e no cal avanza, asemade, o fascismo que despoxaría as mulleres e as persoas LGBT das súas liberades e dos seus dereitos humanos máis básicas, resulta máis urxente do que nunca reivindicarmos a visibilidade das mulleres lésbicas e outras persoas LGBT como parte integral e vital da sociedade galega e da nación que queremos construír entre todas e todos.
Defendemos un novo modelo de familia e de relacións interpersoais que transcenden as normas impostas polo sistema heteropatriarcal como os alicerces sobre os cales haberemos erguer a futura República Galega, libre, xusta, igualitaria e solidaria, onde ninguén sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero.