parlamento galego

Luz verde no Parlamento á iniciativa popular apoiada polo BNG para que a CRTVG poña en marcha a canle “Xabarín”

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas dá a benvida ao PP ao acordo, do que espera sexa o primeiro dun necesario “cambio de rumbo de esperanza para a nosa lingua”  

“Benvido o PP a este acordo a prol da lingua; na confianza de ser este o primeiro acordo político que traballe para sermos protagonistas dun cambio de rumbo de esperanza para a nosa lingua”. Así felicitou a portavoz nacionalista de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, o acordo unánime acadado no Parlamento galego que da luz verde á iniciativa popular “Xabarín” impulsada pola Mesa da Normalización Lingüística para aumentar a oferta en galego destinada á infancia e mocidade nas televisións públicas con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos.

A iniciativa tamén insta ao Executivo galego a chegar a acordos con outras Administracións e empresas para que toda a programación televisiva, incluída a da CRTVE, e das plataformas dixitais dispoñan de versión en galego, orixinal, dobrada ou lexendada.

Para Queixas, o apoio unánime do Parlamento galego a esta iniciativa implica “comprometerse coa mudanza da situación actual do galego” e “eliminar límites a un presente de reparación de exposición e usos nun espazo que, cada vez máis, ocupa unha maior centralidade no lecer da mocidade”.

Neste sentido recalcou que o acordo supón tamén non se conformar con que a programación en galego só estea garantida pola TVG e a non aceptación da falta de equidade, “o desequilibrio actual en que a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e do 2,7% na fin de semana”. “Implica, en definitiva, verificar que a situación do galego non é irreversible se entre todas e todos traballamos para mudala”, resumiu.

Logo de subliñar que a sociedade galega reclama actuar desde o consenso en materia de normalización lingüística, a deputada nacionalista quixo trasladar o agradecemento do BNG a todas as persoas que fixeron posible, co seu activismo, “converter esta semente en froito vivo”. “Recoñecemos o voso esforzo destes meses, en condicións non sempre favorábeis”, dixo para a continuación recordar o importante respaldo social á iniciativa. “Obrigadas por esta aperta de máis de 60 quilómetros á nosa lingua que representa a cadea humana de 33.008 galegos e galegas que nos trouxeron até aquí”, concluíu.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG