Galegas 2020

Luís Bará reivindica o BNG como “defensor dun rural vivo fundamental para xerar actividade económica e o emprego”

Explotación Cotobade
Explotación Cotobade

Na súa visita á explotación ‘O Agro’ de Cotobade manifestou a necesidade de apoiar con compensacións aos pequenos produtores

Subliñou a necesidade de primar o aproveitamento multifuncional do monte, a gandería extensiva e de apoiar a comercialización

O cabeza de lista do BNG para as eleccións galegas do 5A Luís Bará aproveitou hoxe unha visita á explotación gandeira ‘O Agro’ en Cotobade para reivindicar ao Bloque Nacionalista Galego como unha formación defensora dun “rural vivo fundamental para xerar actividade económica e emprego” no país. O nacionalista comprometeuse –unha vez o BNG teña responsabilidades de goberno- a apostar por fórmulas que compensen á xente produtora con apoios e axudas que poñan en valor os recursos propios e desenvolvan un rural con visión ecolóxica.

“É preciso apostar pola xente que produce no rural e polos produtos da terra, porque o é fundamental para a actividade económica e o emprego”, salientou, ao tempo en que tamén destacou a importancia da gandería extensiva pola súa función ecolóxica ao garantir a limpeza do monte, permitir unha prevención axeitada dos lumes forestais e manter a biodiversidade. Neste sentido, Bará insistiu na necesidade de recuperar os pastos funcionais coa presenza de vacas, ovellas e cabras que ‘controlan’ a vexetación.

Por outra banda, o candidato destacou a importancia das explotacións gandeiras como medio de diversificar os usos e defendeu que é preciso traballar para evitar os monocultivos de madeira. Subliñou que son precisas iniciativas locais de emprego para frear o abandono do territorio, recuperar terras de cultivo e desenvolver sistemas de produción de quilómetro cero, así como potenciar a comercialización dos produtos locais.

Entre as medidas a adoptar previstas polo BNG sinalou a creación de instrumentos de financiamento sen xuros para iniciativas locais de emprego, o fomento da economía social e do cooperativismo para a prestación de servizos comúns e para o rexistro sanitario dos produtos alimenticios, o apoio a iniciativas de transformación dos produtos para gañar valor engadido ou a creación de marcas de calidade e de promoción dos produtos frescos, ecolóxicos e de quilómetro cero.

Segundo dixo Bará os últimos once anos de Feijóo na Xunta de Galiza foron “anos perdidos” para potenciar o rural galego que se foi baleirando polo “desleixo e desatención dun goberno sen ideas”. “No BNG sen embargo hai proxecto serio e de futuro e a cidadanía ten que saber que existe a posibilidade real dun cambio galego que permita a Galiza abrir un tempo novo. Apoiar ao BNG o vindeiro 5A supón un ‘tres en un’ posto que suporá derrotar ao PP de Feijóo, poñer en marcha un cambio galego e ter de presidenta a una muller feminista e nacionalista como Ana Pontón: non hai mellor alternativa”, finalizou.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG