Galegas 2020

Luís Bará propón un proxecto de posta en valor da contorna litoral e o patrimonio histórico industrial da zona de Massó en Cangas

Cangas
Cangas

O cabeza de lista subliña que o BNG apoiará a declaración da zona de Punta Balea como ENIL dende o novo goberno galego

Destaca que as construcións da conserveira son as máis importantes como conxunto patrimonial industrial en Galiza: “Deben ser un emblema”

O BNG pretende poñer en marcha un proxecto de posta en valor da contorna litoral e do patrimonio histórico industrial da zona de Massó en Cangas. Así o indicou hoxe o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, nunha andaina dende a fábrica de Massó ata a praia de Santa Marta na zona de Barreiras, na que estivo acompañada pola tamén candidata da comarca, Iria Villar, e as concelleiras Mercedes Giráldez (Cangas) e María Ortega (Moaña), ademais doutros militantes e simpatizantes.

Bará destacou que as antigas instalacións da conserveira son as máis importantes de Galiza como conxunto patrimonial industrial. Salientou que deberían ser “un grande emblema, un grande espazo para o concello de Cangas, para todo o Morrazo e para toda Galiza”, así como exemplo de atractivo para o turismo e eixo para a dinamización económica da zona.

O candidato destacou que o Plan de Turismo de Galicia 2015-2020 sinala que as principais ameazas que ten o país son o deterioro da paisaxe e do patrimonio, e subliñou que a zona de Cangas dende Massó á praia de Areamilla “é un bo exemplo disto polo desleixo e abandono das administracións, fundamentalmente do goberno galego e tamén por parte dos concellos”. “Vemos como hai un impresionante patrimonio histórico industrial e natural que é un valor que é un auténtico tesouro que podería dar moitísima vida e xerar moita actividade económica e social mais está completamente abandonado”, insistiu.

Fronte a isto, destacou que para o BNG é fundamental que o binomio de patrimonio natural e patrimonio histórico-cultural estea coidado, protexido, conservado e dinamizado, e explicou que para acadalo, a forza nacionalista desenvolverá dende o novo goberno da Xunta un plan de posta en valor para o que xa están previstas ferramentas económicas para levalo adiante. Bará citou por un lado o Fondo Cultural Galego, que serviría para aportar recursos económicos para a recuperación do patrimonio histórico e cultural “deste espectacular exemplo que é a fábrica de Massó e todas as construcións anexas”. Por outro lado, apuntou a existencia do Fondo de Conservación da Natureza, que serviría para impulsar proxectos de recuperación de espazos naturais, “neste caso para actuar nun espazo de litoral cunha riqueza paisaxística ambiental de fauna e flora impresionante”.

Por outra parte, Bará destacou que o BNG dende a Xunta colaborará e tratará de impulsar o desenvolvemento dun ENIL (Espazo Natural de Interese Local) para a zona de Punta Balea poñendo en valor todos os recursos, se hai interese e un proxecto definido por parte do Concello.

Na andaina, na que participaron tamén representantes de colectivos ecoloxistas, Luís Bará insistiu en que para o BNG é preciso rachar coas propostas fracasadas do Partido Popular e desenvolver un modelo de políticas sustentables e respectuosas co medio e a contorna. Subliñou que é preciso abrir un tempo novo para Galiza da man dunha forza moderna, solvente e cunha líder como Ana Pontón, para o que é precisa unha grande mobilización o vindeiro 12X.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG