“A presidencia de Ana Pontón é o mellor que lle pode pasar a Galiza neste momento”. Esa foi a mensaxe final que hoxe quixo trasladar o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, nas últimas horas de campaña. Subliñou que o BNG está preparado para gobernar o país tras o 18F porque ten equipo, programa e proxecto de futuro, así como a mellor líder que Galiza necesita neste tempo histórico.
“Dende o BNG imos ‘pontonizar Galiza’, unir o país, mobilizalo e dinamizalo a través do liderado integrador e amable de Ana Pontón”, asegurou o cabeza de cartel, insistindo en que estas eleccións galegas son “unha encrucillada e un momento decisivo” no que non só hai que escoller o vindeiro goberno da Xunta, senón a Galiza da próxima década.
As sensacións na rúa para o BNG, afirmou o candidato, son moi boas, xa que se percibe “un ansia imparable” de cambio e ilusión por que haxa un goberno diferente. “Toca cambio neste momento, pero para que haxa cambio ten que haber unha participación masiva e histórica e a que se concentre todo o voto na candidatura do BNG, que é a que garante de verdade o cambio ilusionante e transformador”, afirmou. Insistiu en que “toda a xente que lle quere a este país, que quere o mellor para Galiza, independentemente do que votase noutras eleccións” ten cabida na papeleta do Bloque.
Afirmou Bará que a campaña está a ser extraordinaria, chea de ilusión, de ganas e de entusiasmo de que pasen grandes cousas no país, e proba disto –dixo- é o nerviosismo e desesperación do PP con ataques “delirantes” nos últimos días contra o BNG. Asegurou, en calquera caso, que o Bloque non vai entrar no xogo e continuará facendo nas horas que faltan unha campaña “impecable” en positivo, explicando á xente as súas alternativas no ámbito da ciencia, da industria, da transformación dos sectores produtivos do país, dos servizos públicos, do feminismo, ou da transición ecolóxica e dixital, que teñen que ser xustas e inclusivas.
Dúas ideas centrais, dixo, serán o eixo do novo goberno do BNG: mellorar a vida da xente con servizos públicos de calidade e poñer o país a producir para desenvolver a súa riqueza, xerar empregos e crear oportunidades para a xente.
Un goberno que acompañe a Pontevedra
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, afirmou que o cambio o vindeiro 18F será histórico para Galiza, pero tamén para Pontevedra “porque a nós gustaríanos ter un goberno que nos acompañe como cidade referente, e co BNG vai ser posible”, dixo, afeando que nos últimos 25 anos o Concello non tivo o apoio da Xunta de Galiza do PP.
Realizou Lores un chamamento a todas as persoas que están a dubidar o seu voto a que apoien ao Bloque Nacionalista Galego porque “o cambio é posible e suporá un salto adiante cunha Galiza diferente, con futuro, cunha presidenta que confía no país”. Destacou que esa confianza nas posibilidades propias é a que marca a diferenza do BNG con outras forzas: “nós cremos que temos posibilidades inmensas, somos quen de dar saltos adiante e ser referencia cando nos deixan; os galegos cando queremos somos capaces absolutamente de todo”, insistiu.