Coincidindo coa presentación da denuncia do BNG ante a Fiscalía, debatíase en comisión no Parlamento galego a proposición no de lei defendida polo deputado, Luís Bará reclamando a “retirada das inscricións franquistras existentes nas fachadas das igrexas católicas e concretamente da igrexa de Santiago no concello de Cangas. A proposición non de lei nacionalista acadou o apoio unánime polo que se iniciarán as negociacións entre a Xunta e a Igrexa católica para retirar toda a da simboloxía franquista existente nas fachadas das igrexas.
O parlamentario lembrou que a Xunta ten competencias en patrimonio e obrigas a hora de cumprir a lei de memoria histórica ademais de contar cun convenio asinado no ano 1995 coa Igrexa católica para actuar neste ámbito. No caso concreto de Cangas, dixo, a demanda transcende a moitos anos por parte do goberno municipal e da Asociación da Memoria histórica deste concello. As negociacións coa Igrexa católica non prosperaron polo que o deputado do BNG agarda que o acordo parlamentario de hoxe “poña fin a moitos anos de loita” para retirar elementos colocados de maneira “agresiva, ofensivos de exaltación do franquismo”
O acordo parlamentario obriga á Xunta a negociar coa Igrexa Católica a retirada de toda a simboloxía franquista en todas as igrexas galegas, e no caso concreto de Santiago en Cangas de “maneira inmediata” e de non ser así, iniciar os expedientes pertinentes.
Para o deputado resulta “un anacronismo e anomalía” que pervivan elementos destinados a enaltecer o franquismo coa complicidade de quen permite que se manteña esa simboloxía polo que amosou a súa satisfacción por un acordo para retirar as referencias “aos caídos por Dios e pola Patria” e iniciando as negociacións co Arcebispado de Santiago para a retirada destas inscricións na igrexa de Santiago en Cangas.