Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, rexeita a visita de Juan Carlos I á Galiza ante o anuncio de que o rei emérito estará este fin de semana na localidade de Sanxenxo.
Tal e como expresou Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova, “rexeitamos a visita de Juan Carlos I, o rei fuxido, ao noso país” sinalou. “Todos os sucesos que rodean a figura do rei emérito non fan máis que corroborar que a monarquía española é unha institución corrupta que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo” expresou Gómez.
“A mocidade galega rexeita a presenza dun rei corrupto no noso país e a unha monarquía herdeira do franquismo que leva séculos oprimindo a Galiza” expresou a nacionalista. “As mozas e mozos galegos queremos desenvolver os nosos proxectos de vida no noso país, con empregos dignos, con servizos públicos de calidade e lonxe do réxime anacrónico e perpetuador da dependencia da nosa nación do Estado español, que representa a monarquía” dixo a Secretaria Xeral de Galiza Nova.
“Galiza non ten rei” sinalou rotudamente Marta Gómez. “Rexeitamos a monarquía por ser un réxime inxusto, que fai prevalecer os privilexios por nacemento dunha familia e que perpetúa a idea centralista e imperialista do Estado español” expresou. “Non podemos permitir que o Borbón pasee impunemente polo noso país, coa complicidade do PSOE e do PP. Precisamos rachar coas cadeas da monarquía e construírmos a República Galega” afirmou.