Senado

Da Silva, a Puente: “Galiza necesita un impulso importante en materia ferroviaria e rematar co déficit histórico que sofre”

Carme da Silva: “O Ministerio de Transportes debe coordinarse co goberno luso para que a posta en servizo entre Ferrol e Lisboa de alta velocidade sexa unha realidade”

Completar o Eixo Atlántico, implantar coa máxima celeridade as cercanías ferroviarias na Galiza ou rematar co illamento de Lugo en materia ferroviaria: cuestións a debate

Puente transmite á senadora o “firme compromiso do Goberno” para a mellora das conexións ferroviarias na e coa Galiza, en cumprimento dos acordos pactados co BNG

Co obxectivo de mellorar e modernizar as infraestruturas ferroviarias na Galiza e corrixir o déficit histórico que sofre, a senadora do BNG, Carme da Silva, interpela o Ministro de Transportes e Mobilidade Sustentábel na sesión de control da cámara alta. Durante a mesma, a senadora nacionalista destacou a necesidade de que o Goberno do Estado se compromete a axilizar todas as infraestruturas pendentes de construción e que, para o BNG, son estratéxicas para o futuro da Galiza e imprescindíbel para a vertebración interna e a cohesión social do País. Entre as cuestións estratéxicas para o BNG, Carme da Silva sinala.

“Os avances que se produciron en materia de infraestruturas ferroviarias na Galiza, así como a modernización da rede ferroviaria interior, foron froito da presión política e social que quedou plasmado nos Acordos de Investidura conseguidos polo BNG” recordou a senadora do BNG. Moitas destas cuestións recollidas en ambos acordos,

Completar o Eixo Atlántico: polo norte e polo sur

Por unha parte, a senadora do BNG urxe a axilización da saída sur de Vigo, proxecto de 15 quilómetros que foi obxecto de debate após a cimeira hispano-lusa coas declaracións do Presidente do Goberno. Para este fin, Carme da Silva sinala a necesidade de que o executivo estatal impulse a execución desta infraestrutura cun calendario concreto e que traballe de forma coordinada co goberno luso para o mesmo horizonte temporal.

“A alta velocidade que conecta Galiza con Portugal non é unha conexión menos prioritaria para o Goberno do Estado” sinalou o Ministro de Transportes ante a mención da senadora ás declaracións na cimeira hispano-lusa. De facto, sinalou Puente, os problemas “non están neste lado” sinalando que o goberno luso aínda está a licitar as primeiras obras, Lisboa-Porto, e non conta cun só quilómetro construído: “o Goberno do Estado non restará importancia a esta infraestrutura” compromete Puente.

Por outra parte, o BNG insta o Goberno a prolongar até Ferrol esta infraestrutura estratéxica que actualmente está en trámite de estudo informativo. “Débese executar o baipass de Betanzos e evitar a manobra de marcha atrás” sinala da Silva mentres o Ministro anunciou que “sairá en días”.

“O BNG entende que o Goberno do Estado debe coordinarse co goberno luso, co Ministerio de Transportes portugués, para que ese horizonte que ambas as dúas Administracións manexan da posta en servizo entre Ferrol e Lisboa de alta velocidade sexa unha realidade que os galegos e galegas levamos anos agardando” reivindica Carme da Silva, non renunciando a reclamar que a saída sur de Vigo estea construída en 2030 mais sinala que existe aínda vía por modernizar entre A Coruña e Ferrol.

Acelerar a implantación das cercanías ferroviarias na Galiza

Dentro do Acordo de Investidura conseguido polo BNG recóllese o compromiso, por parte do Goberno, de implantar o servizo de proximidade ferroviaria durante esta lexislatura na Galiza. Un servizo, até o de agora sen implantar, que para o BNG supón a “auténtica pedra angular” da modernización das infraestruturas ferroviarias, permitindo conectar os sistemas urbanos policéntricos do País e mellorando a cohesión interna. “Cunha política tarifaria atractiva, con prezos accesíbeis e cun sistema de abonos que permita atraer a que a poboación empregue este método de transporte” subliña.

“É precisa a axilización, por parte do Ministerio de Transportes, da fase actual de estudo e implantar os servizos de cercanías nas áreas A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, así como nas súas áreas metropolitanas” reivindicou a senadora do BNG. Neste sentido, o Ministro sinalou que o proxecto para a súa implantación se está asumindo a cargo das partidas do Eixo Atlántico, polo momento, e adiantou que o estudo avanzará no primeiro trimestre de 2025.

Rematar co illamento. Compensar a Lugo de décadas de agarda

“Hai que rematar co illamento que sofre Lugo e compensalo por décadas de espera. Este compromiso está incluído no Acordo de Investidura conseguido polo BNG mais é necesario poñer en marcha os traballos de electrificación entre Betanzos e Lugo, pendente do seu estudo funcional” defende Carme da Silva.

O Ministro de Transportes, pola súa parte, sinalou que o tramo entre Ourense e Monforte está iniciando as probas do tren laboratorio polo que está preto de pórse en servizo. “O tramo Ourense-Lugo e, por conseguinte, a posta en funcionamento desta liña está fixada para finais de 2026 que agardamos que sexa tamén a inauguración da Estación Intermodal da cidade de Lugo” sinala Puente.

Máis compromisos acordados co BNG que o Ministerio está a cumprir

Alén do máis, o Ministro rendeu contas sobre diversos proxectos comprometidos polo Goberno do Estado coa sinatura nos Acordos de Investidura conseguidos polo BNG. “Está en marcha a renovación e modernización da liña Ourense-Vigo, mellorándose instalacións do Eixo Atlántico –como a estación de Redondela- e mesmo melloras na liña FEVE” enumerou. O baipass de Redondela avanzou que sairá o estudo informativo de forma inmediata, así como o remate da primeira fase da variante de Ourense.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG