A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, denuncia un novo boicot do Partido Popular Europeo para impedir que a cidadanía galega afectada pola instalación de Altri en Palas de Rei sexa escoitada na Eurocámara, como xa ten pasado en diversas ocasións desde que esta petición foi aceptada a trámite na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. “O Partido Popular Europeo alíase coa extrema dereita para impedir que o caso de Altri sexa tratado na Comisión de Peticións”, sinala.
“Hoxe na reunión de coordinadores dos grupos políticos vimos claramente como o PP rompe o cordón sanitario cos grupos de extrema dereita e fai todo o posible para impedir que os cidadáns galegos de numerosas plataformas que están saíndo ás rúas, non poidan comparecer na Eurocámara”, explica a eurodeputada galega, quen considera que é “un verdadeiro boicot a Galiza”.
Ao respecto, Ana Miranda subliña que desde o BNG “imos pelexar e denunciar esta situación de impedir que os cidadáns poidan comparecer nun parlamento no que se tratan temas que lles afectan”. Precisamente para denunciar este boicot, a eurodeputada do Bloque presentou unha pregunta dirixida á Comisión Europea na que explica que en sucesivas sesións da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, o PP e a extrema dereita boicotearon que ado que a petición da Plataforma Ulloa Viva, referida ao proxecto de instalación de Altri poida tratarse.
Información á Comisión Europea
Na pregunta enviada á CE a eurodeputada galega sinala que a macrocelulosa supón a vulneración de varias directivas comunitarias, tal como una delegación de afectados lle trasladou á Comisión en abril de 2024. Tamén indica que a proba da contestación social a este proxecto é a manifestación de máis de 100.000 persoas que tivo lugar no pasado mes de decembro en Santiago de Compostela. Por estes motivos Miranda solicita que a Comisión Europea teña en conta esta información para evitar que se produza este boicot a una demanda cidadá e que a Vicepresidenta executiva Teresa Ribera poida recibir pronto aos afectados, tal como xa se solicitou a eurodeputada do BNG.
A eurodeputada do Bloque lembra ademais que o propio Parlamento Europeo establece (tal e como pode lerse na súa web) que “o dereito de petición está aberto a todos os cidadáns da Unión. Para ser admisibles, as peticións deben referirse a asuntos propios dos ámbitos de actuación da Unión que afecten directamente ás persoas que as presentan”.