A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia máis unha vez o uso “cínico e vergoñento” do Senado por parte do Partido Popular empregando a cámara alta como “a continuación da sala de prensa da súa sede de Génova”. O BNG defende a necesidade de recuperar todas as medidas sociais contidas no Real Decreto-lei vetado polo Partido Popular no Congreso, prexudicando con este voto en contra os intereses de milleiros de galegos e galegas.
Despois de coñecer a sentenza do Tribunal Supremo que condena ao señor Baltar, senador popular, responsabiliza o Partido Popular de “mantelo no seu escano” a pesar de estar condenado contra a seguridade viaria por circular a máis de 200 km/h. “Esta é a forma que ten o PP de entender a responsabilidade e a exemplaridade” sinala a senadora. Neste sentido, o BNG demanda a reprobación de Baltar e a súa dimisión.
O PP engade máis discriminación á Galiza
“No BNG queremos que se restitúan todas as medidas sociais incluídas no decreto. Por iso votamos a favor no pleno do Congreso” defende a senadora nacionalista. Un decreto que contou co voto en contra do Partido Popular e provocou que todas as medidas sociais contempladas no chamado Escudo Social decaeron. “O PP é responsábel político de deixar tiradas as persoas máis vulnerábeis: con pobreza enerxética, en risco de desafiuzamento e as persoas afectadas pola DINA” enumera Carme da Silva.
A senadora do BNG sinala o PP como “responsábel político” de impedir o incremento do Salario Mínimo Interprofesional, de bloquear a suba das pensións –que é “especialmente grave na Galiza” coas pensións das máis baixas do Estado-, de evitar a continuidade das axudas e bonos do transporte que afecta a milleiros de galegos e galegas que teñen que empregar o ferrocarril no seu día a día e mesmo de impedir a modificación da fiscalidade dos traballadores do mar e persoas con dobre pagador e outras medidas sociais.
“É responsábel o Partido Popular, pola súa irresponsabilidade e carroñería política, da perda de ingresos das Comunidades Autónomas e concellos, especialmente grave na Galiza onde os servizos están infrafinanciados. Engade máis discriminación á discriminación” subliña Carme da Silva.
Extensión de Génova: o Senado e a súa utilización polo PP
“Poderíamos definir este pleno como o pleno do cinismo e a desvergoña. Este pleno é a definición política, democrática e ética do Partido Popular. Un exemplo de como entende a democracia e a responsabilidade política o PP” denuncia a senadora do BNG. Un exemplo, sinala da Silva, de “cinismo político” e desvergonza.
Un pleno anunciado polo PP na súa sede, en que ningún outro grupo pode presentar iniciativas. “Un pleno co que o PP, máis unha vez, utiliza o Senado como a continuación da sala de prensa da súa sede en Génova” denuncia Carme da Silva.