parlamento europeo

A Comisión Europea recolle as demandas do BNG para incluír os pelets na Directiva sobre contaminación marítima

Ana Miranda
Ana Miranda
Ana Miranda: “Este é un paso adiante moi importante na mellora da protección da costa galega”

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a gran importancia que ten para Galiza que a Comisión Europea decidira incluír os vertidos de pelets e as perdas de contedores na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, -que modifica o texto actual 2005/35/CE-. O principal obxectivo da modificación desta directiva é reforzar a aplicación e aplicación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).

Para a eurodeputada nacionalista esta decisión “supón un paso adiante moi importante na mellora da protección da costa galega”, xa que obriga a UE a revisar en 5 anos se se inclúen os derrames de pellets como obxecto de sancións, así como a mellorar a transparencia do sistema CleanSeaNet, tal e como reclamaba o BNG nas súas emendas presentadas no pasado mes de novembro.

Na presentación das emendas, Ana Miranda denunciou a falta de transparencia informativa referida aos vertidos dos buques, polo que defendeu a elaboración e publicación completa e periódica anual dos informes que inclúan a monitorización dos buques, os vertidos detectados, así como o tipo de vertido que se producido. Lembra ademais que o CleanSeaNet (CSN) é un sistema da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) que comezou a funcionar en 2007 que monitoriza por satélite os buques e detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas, de forma que permite a localización, seguimento e identificación do buque responsable do vertido.

Estabelecemento de sancións

Un obxectivo fundamental desta Directiva sobre a contaminación procedente de buques consiste en garantir o cumprimento por parte dos Estados Membros (tanto como Estados reitores do porto como Estados do pavillón) das disposicións do Convenio MARPOL 73/78, ao que todos os Estados Membros están obrigados como asinante, así como o estabelecemento dun réxime de sancións axeitado garantindo que a empresa operadora sexa o principal suxeito responsable en caso dun incidente de contaminación.

“A modificación desta Directiva é unha mostra máis do traballo do Bloque na defensa dos intereses de Galiza fronte a ineficacia e desidia do Partido Popular, máis preocupado en manipular e ocultar a realidade que en traballar por defender os intereses dos galegos e galegas”, subliña Ana Miranda, quen lembra que unha das iniciativas desenvolvidas polo Bloque ao respecto foi o envío dunha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Consello Europea, Charles Michel, -asinada por máis de 70 eurodeputadas e eurodeputados- denunciando a contaminación da costa galega causada polo vertido de millóns pelets procedentes do portacontedores Toconao e cuestionando a xestión realizada polo goberno galego do Partido Popular.




 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG