A cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carme da Silva, animou hoxe en Cangas “ás persoas que queren un futuro para Galiza” a votar ao Bloque Nacionalista Galego para que o país teña voz propia en Madrid. A nacionalista asegurou que é preciso que as galegas e galegos que queren que Galiza conte se mobilicen e acudan a votar o 28A para superar os resultados do BNG nas enquisas e disputar o maior número escanos por Pontevedra “ao trifachito de Colón”.
Da Silva indicou que as vindeiras eleccións son unha oportunidade para que Galiza poida ser protagonista sobre asuntos que a competen. “Só unha forza como o BNG que non é unha delegación dos intereses madrileños pode defender ao noso país. Se hai dous, tres ou catro deputados do BNG no Parlamento poderán influír na formación e nas políticas do goberno”, dixo a candidata, lembrando que canarios, vascos, cataláns ou valencianos van ter voz propia nas Cortes Xerais e “Galiza non pode ser menos”.
A cabeza de lista subliñou que o BNG está en clara remontada pola grande corrente de simpatía que está a recibir, e manifestou o seu convencemento de que os resultados o vindeiro 28A serán moito mellores do que avanzan as actuais enquisas. “Xa pasou doutra volta nas eleccións galegas: as sondaxes dicían que non iamos ter representación e obtivemos seis escanos!!!!”, indicou.
Ante o auditorio cangués, centrou o seu discurso nun dos eixos da economía galega, a pesca, e afirmou que “o BNG defenderaa en Madrid con voz forte e firme” presentando iniciativas parlamentarias que defendan a galegas e galegos do “saqueo e roubo” que supoñen vixentes as normativas estatais e europeas sobre o sector.
Da Silva destacou que a pesca “está no ADN de Galiza” e ten un alto impacto socioeconómico no país, xa que o mar-industria supón arredor do 12% do PIB. Sen embargo, indicou, ata o de agora as forzas estatais “puxéronse de perfil” á hora de aprobar ou acatar decisións polos seus intereses centralistas, lembrando a situación das cotas de pesca, en concreto a limitación para pescar xarda.
Segundo a cabeza de lista, “é un auténtico escándalo que o Estado e a Unión Europea -coa conivencia absoluta da Xunta de Galicia- estean a reducir a nosa pesca ata o límite do exterminio”, dixo, xa que limitan a capacidade de pesca dun pobo desenvolvido e dependente do mar como é Galiza -deixando barcos que poden pescar amarrados- mentres outorgan cotas a zonas non tan economicamente supeditadas ao sector.
A nacionalista subliñou que só unha forza nidiamente galega como o BNG pode defender os intereses galegos na pesca fronte a imposicións externas. Subliñou que en Madrid “miran igual para outros territorios que para aquí”, pero indicou que non se pode defender á vez o sector galego e o doutros territorios do Estado se hai intereses contrapostos. “Só unha voz galega cen por cen pode defender os intereses galegos como merecen, e no BNG demostramos que estamos do lado da nosa xente do mar”, asegurou.
Da Silva insistiu, por último, no seu convencemento de que o electorado mobilizarase o vindeiro 28A para dar unha voz propia a Galiza votando ao Bloque. Subliñou que existe unha corrente de simpatía que se está achegando “con ilusión e esperanza” cara a forza nacionalista e que permitirá devolver o protagonismo ao país da man do BNG no Congreso “para facer fronte aos partidos centralistas, españolistas e carcas que nos ignoran”.
Mercedes Giráldez e Iria Villar
Pola súa banda, a candidata á Alcaldía de Cangas, Mercedes Giráldez asegurou na súa intervención que os concellos do Morrazo coñecen ben os problemas derivados das decisións do Goberno central. Criticou a continua negativa á reforma do financiamento local e indicou que os concellos galegos son discriminados no reparto de fondos do goberno central, xa que cada persoa veciña dun concello ou cidade galega recibe 50 euros menos que a media estatal.
Giráldez lembrou que cando o BNG estivo en Madrid escoitouse a Galiza, actuouse no Congreso e no Senado en defensa dos intereses das maiorías sociais “rexeitando e negando apoio ao programa de recortes da dereita económica executados polo PSOE”, senón sobre todo propondo alternativas de redución do gasto sen afectar o investimento público produtivo e ao gasto social. “Só se o BNG está, as necesidades dos galegos e galegas escoitaranse en Madrid. Alí deciden por nós pero non para nós”, dixo, animando á veciñanza canguesa “a ir a por todas para garantir a presenza de Galiza, para garantir a presenza do BNG, para garantir a presenza de Carmen da Silva”.