O BNG urxe á Xunta medidas no último cuadrimestre do ano para protexer a economía e ás persoas máis vulnerábeis

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas pide ao Goberno do PP un cambio de rumbo nas medidas fronte á crise de prezos porque o feito ata agora é "entre ineficiente e inexistente”
 

A portavoz nacionalista de Economía, Noa Presas, instou á Xunta a impulsar medidas de alivio das consecuencias da crise de prezos cara ao último cuadrimestre do ano para protexer a economía e ás persoas e colectivos máis vulnerábeis.

Nunha pregunta parlamentaria na Comisión de Economía, Presas asegurou que “o que levamos visto de momento é entre ineficiente e inexistente” e criticou ao Goberno galego que estea instalado no “mal de moitos” para “botar balóns fóra” cando, segundo recalcou, “hai capacidade para actuar desde a Xunta, sobre todo para protexer aos sectores máis vulnerábeis”.

Logo de reprochar ao Executivo do PP que “infraestimara o problema da inflación” e as consecuencias dunha crise de prezos enerxéticos “que xa viña de lonxe”, avanzou que o BNG está á expectativa de cal é a previsión para os orzamentos de 2023, se ben advertiu que as do informe de teito de gasto non son adecuadas e deixan ademais unha previsión orzamentaria moi restritiva.

Neste sentido, afirmou que o máis intelixente para actuar nun contexto marcado pola volatilidade económica é prever que hai que protexer a quen menos ten, máis se cabe vendo como “as consecuencias se están estabilizando e son cada vez máis profundas” e tendo en conta a incerteza sobre as previsións que os orzamentos actualmente vixentes manexaban ou os do Plan Estratéxico de Galiza, “que aprobarán vostedes coa súa maioría absoluta a semana que vén e que ten xa uns datos absolutamente desfasados”.

Así, apuntou que a revisión á baixa das previsións de crecemento por parte de distintos organismos (entre os que citou o panel Funcas, a Comisión Europea e o FMI) “reforza a nosa tese de que xa o propio teito de gasto nace obsoleto” e incidiu en que as previsións foron tamén falidas en relación á inflación, ata tal punto que o pasado 12 de agosto o IGE publicou os datos definitivos de xullo, cun aumento nos prezos do 11,5% en termos interanuais (un 0,7% máis que no conxunto do Estado) e cunha variación interanual na inflación subxacente (o índice xeral sen os alimentos non elaborados nin os produtos enerxéticos) dun 6,8%, tamén sete décimas máis que a media estatal.  

“O contexto é preocupante, pero máis preocupante é aínda que Galiza teña consolidado un diferencial tan grave porque iso significa que os galegos e as galegas nos empobrecemos a máis velocidade que o resto do Estado cando temos ademais das pensións e dos salarios máis baixos, polo que a capacidade de resistencia é menor”, advertiu para subliñar a continuación que xa un cuarto da poboación galega se atopa en risco de exclusión social “que se di pronto”.

Por iso rematou a súa intervención insistindo en que resulta totalmente insuficiente o que fixo ata agora o Executivo galego, ao que reclamou unha vez máis un cambio de rumbo para poñer enriba da mesa medidas realmente eficaces e tamén para afrontar cambios estruturais “porque a crise enerxética non se vai resolver nun exercicio orzamentario” e “nin o Plan Estrátexico de Galiza, nin os orzamentos, nin a política económica da Xunta están demostrando capacidade de transformación”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG