BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego a convocatoria urxente da coñecida como Mesa das Pontes e a abordar con urxencia as medidas necesarias para cumprir cos compromisos adquiridos co denominado colectivo de transportistas do carbón da localidade.
Así o defendeu o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, nunha proposición non de lei na que denunciou que os colectivos que forman parte da mesa levan desde o mes de outubro demandando a súa convocatoria, sen que nin Xunta nin Goberno estatal “se dean por aludidos”.
Neste sentido, reprochou que dous anos e medio despois da constitución deste foro, creado pouco despois de coñecerse oficialmente a intención de Endesa de pechar a central térmica para elaborar un plan de desenvolvemento para As Pontes e procurar alternativas á xeración eléctrica con carbón, “non só non hai o máis mínimo indicio deste plan de desenvolvemento, senón que o que levamos vivido nesta localidade e na comarca de Ferrol no relativo ao peche da térmica e á mal chamada transición xusta, non pode cualificarse máis que como un auténtico despropósito”.
Fernández referiuse deste xeito á “sucesión de anuncios, imposibles ou incompatibles entre si” de dous gobernos que, segundo recalcou, “están instalados na máis descarnada e vergoñenta competición, priorizando os seus respectivos intereses partidarios e electorais por riba dos intereses da sociedade local e comarcal e mesmo dos intereses de todos os galegos e galegas, xa que un tema de tanta transcendencia como o futuro modelo enerxético aféctanos a todos e todas”.
Nesta liña, o deputado nacionalista recordou que o proxecto dos biocombustibles conviviu con numerosos anuncios por parte de distintas empresas enerxéticas, entre elas a propia Endesa e Reganosa -esta última en alianza coa Xunta-, relacionados co hidróxeno verde e a xeración renovable que, segundo advertiu, “compiten entre eles e están sometidos a continuos cambios de regulación ou a anuncios de cambios de regulación”, o que está a provocar cambios nas estratexias empresariais que poden ter repercusión directa sobre os proxectos avanzados para As Pontes. “Todo un exemplo de falta de planificación, inestabilidade regulamentaria e inseguridade xurídica”, incidiu.
Ao seu xuízo, a improvisación, a competencia entre proxectos, os cambios constantes de regulación e a que definiu como “belixerancia permanente entre Xunta e Goberno do Estado” representan precisamente todo o que a Mesa das Pontes pretendía evitar, promovendo pola contra un ambiente de participación e colaboración entre administracións, empresa e colectivos representativos, para garantir en última instancia o éxito dunha alternativa sólida para o futuro da localidade e que, segundo advertiu, “hoxe está tan lonxe de concretarse como no momento en que Endesa anunciou por primeira vez a súa intención de pechar a térmica”.
Por iso, e ademais de demandar do Goberno galego que convoque e lidere o foro con alternativas que faciliten un clima de colaboración “absolutamente necesario para que cheguen a concretarse os proxectos”, tamén lle reclamou que cumpra cos compromisos adquiridos cos transportistas do carbón, entre os que citou, a constitución dunha mesa propia, delegada da Mesa das Pontes, para abordar a súa problemática específica.
Fernández recordou que este colectivo foi o primeiro e máis gravemente afectado polo anuncio do peche da central, xa que a redución do tráfico de carbón foi anterior ao anuncio oficial de Endesa neste sentido “porque tiña o almacén cheo” e alertou sobre o elevado nivel de endebedamento que moitas persoas deste colectivo tiñan asumido para afrontar as compras ou cambios de vehículos para adaptarse aos requirimentos da compañía. “Prometéronlles axudas e máis de dous anos e medio despois non houbo axudas de ningún tipo”, recriminou.
Pese aos argumentos esgrimidos polo deputado nacionalista, a iniciativa non prosperou polo veto do grupo parlamentario do PP.