BNG urxe un plan de recuperación para a xunqueira de San Lázaro en Noia

Noia
Noia
Néstor Rego reclama ao MITECO estabelecer como prioritario o proxecto paisaxístico e ambiental para reverter a degradación nesta zona húmida manténdoa como zona de lecer, deporte e que compatibilice usos públicos para os veciños e veciñas da vila. 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visita a localidade de Noia para presentar as novas iniciativas rexistradas na cámara baixa sobre a recuperación da zona húmida de San Lázaro, acompañado polo Portavoz municipal do BNG no concello Ricardo Suárez, nun proxecto que integre tamén a mellora do actual paseo fluvial, así como a rexeneración do campo de fútbol. Rego urxe o Goberno incluír a realización dun proxecto paisaxístico e ambiental dentro da planificación estabelecida como prioritaria polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico dentro da axenda 2030 de emprender a restauración progresiva de todas as zonas húmidas para que poidan recuperar a estrutura e funcións perdidas pola acción humana.

A evolución urbanística do municipio de Noia durante as décadas dos anos 80 e 90 e a necesidade de mellora da dotación de instalacións públicas deportivas supuxo que, no barrio de San Lázaro, acometésese o recheo e posterior construción sobre zonas húmidas. Así, aproveitáronse estes espazos gañados á xunqueira para a construción do estadio municipal, o cal, na actualidade, é empregado para a actividade deportiva polos clubs municipais de fútbol e atletismo.

“Nas inmediacións atópase un paseo fluvial que cada vez ten unha maior afluencia de persoas que pasean por el. Este feito súmase aos centenares de persoas que fan uso das instalacións deportivas” explica o deputado nacionalista. Cabe sinalar, ademais, que é nestas inmediacións onde se expón construír o futuro centro de saúde do municipio, que dará servizo a unhas 33.000 persoas en toda a comarca. “Mais todos estes terreos atópanse nun actual estado de abandono a pesar do seu gran potencial” salienta.

Noia Para a formación nacionalista, nesta zona “débense realizar varias actuacións para a posta en valor desta zona húmida mais débese ter un enfoque integral que permita o aproveitamento do terreo e a mellora das infraestruturas, á vez que se rexenera a xunqueira tanto ambiental como paisaxisticamente”. 

Pola súa parte, o concelleiro do BNG en Noia, Ricardo Suárez García salientou que “resulta imprescindíbel actuar nas inmediacións  do estadio municipal de San Lázaro, en Noia, para atallar o estado actual de degradación. Tanto o actual paseo fluvial, o  campo  de fútbol  abandonado, como o resto do terreo gañado á zona húmida deben ser obxecto dunha rexeneración ambiental e paisaxística que se combine, á súa vez, con aqueles  usos deportivos e de lecer que sexan respectuosos coa contorna”.

Neste sentido o deputado Néstor Rego lembra que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico estableceu como unha prioridade da súa acción de goberno a recuperación de zonas húmidas, obxectivo aliñado coas políticas europeas de biodiversidade. “A Estratexia 2030 da UE sobre Biodiversidade especifica a obriga dos países europeos de mellorar polo menos o 30% dos hábitats e especies en peor estado  de conservación,  entre  os  que  se inclúen os das zonas húmidas” subliña Rego. 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG