congreso

BNG reitera solidariedade con Cuba e reclama a fin do bloqueo

A forza nacionalista denuncia novos intentos de ataque á soberanía cubana e pide ao Goberno español que exixa aos EUA acabar coa política inxerencista

O Bloque Nacionalista Galego vén de asinar, conxuntamente con outras forzas políticas soberanistas e progresistas, unha Proposición Non de Lei no Congreso en que se insta o Goberno español a reclamar dos Estados Unidos da América o levantamento do bloqueo económico, financeiro e comercial contra Cuba e a derrogación inmediata das Leis Helms-Burton e Torricelli.

O bloqueo, que dura xa 60 anos, implica unha inxerencia inadmisíbel e unha vulneración da soberanía de Cuba, que afecta o conxunto da súa poboación e que os EUA manteñen a pesar de ter sido condenado 23 veces pola Asemblea Xeral da ONU de maneira moi maioritaria. Só nos últimos 10 anos, entre 186 e 191 estados veñen votando en contra do bloqueo e apenas 2 ou 3 a favor.

Aliás, o seu carácter deshumano viuse reforzado no contexto do azoute dunha pandemia global como a COVID-19, xa que os esforzos de Cuba para combatela víronse limitados polas regulamentacións do bloqueo estadounidense que privou deliberadamente a nación cubana da adquisición de materiais sanitarios, equipos médicos e demais recursos para enfrentaren a situación.

Por esa razón, o BNG rexistrou tamén no pasado mes de maio unha iniciativa no Congreso para que o Goberno español se sumase á campaña de solidariedade internacional destinada á adquisición de xiringas para a vacinación contra a COVID-19 e facilitar a adquisición de produtos destinados á fabricación de vacinas e medicamentos en Cuba.

Nesa altura, o deputado nacionalista, Néstor Rego, sinalaba que as doazóns e compras no exterior non puideron materializarse debido ás sancións que forman parte do bloqueo, mais tamén salientaba outras agresións como “as medidas adoptadas contra a cooperación médica cubana, os impedimentos para a renovación de licenzas de compañías, a redución extrema do transporte aéreo ou o ataque ás remesas, pois a compañía norteamericana Western Union cesou a entrega de remesas en Cuba por mor das medidas unilaterais do Goberno dos EUA para impedir esa actividade na illa”.

Aliás, o BNG denuncia que, neste contexto difícil, forzas reaccionarias ao servizo do imperialismo norteamericano tentan novos ataques contra a soberanía de Cuba, como a presentación no pleno do Parlamento Europeo dunha resolución de condena do Goberno cubano. Non é casualidade que esta proposta de resolución, amparada polas forzas da dereita, se produza apenas uns días antes de que, no próximo 23 de xuño, a Asemblea Xeral da ONU vote unha nova resolución contra o bloqueo norteamericano a Cuba.

O Bloque Nacionalista Galego, desde a firme convicción antiimperialista e de defensa da soberanía dos pobos, reitera a plena solidaridade con Cuba frente a estes novos ataques, condena toda política inxerencista e reclama, máis unha vez, a retirada do bloqueo norteamericano contra a illa.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG