BNG reclama á Xunta que priorice a promoción pública e de aluguer na urbanización de San Paio de Navia en Vigo

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández censura a falta de planificación do IGVS que só concreta no Parlamento “80 vivendas de promoción pública e xa veremos”

BNG reclamou á Xunta no Parlamento galego que dea prioridade ao modelo de promoción pública, fronte ao de promoción privada, e de aluguer de vivenda na urbanización que vai levar a cabo a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) na parroquia viguesa de San Paio de Navia e que vai supoñer a construción de 1.598 vivendas para unhas 4.000 persoas, sobre unha superficie de máis de 250.000 m2.

Nunha pregunta na comisión parlamentaria de Ordenación Territorial, a deputada nacionalista Alexandra Fernández advertiu que baixo o paraugas xenérico da denominada “vivenda protexida” atópase, por unha banda, a de Promoción Pública e, por outra, a de Protección Autonómica de promoción privada, sendo esta última a que se ten priorizado, en réxime de compra, nas últimas décadas, o que provoca que non se resolva o problema estrutural da vivenda, senón que se financia parte da compra dos inmobles nese momento concreto, pero unha vez pasado o tempo de protección a vivenda volve aos prezos do mercado libre. “Iso vén sendo o mesmo que deixarlle nada público ás xeracións futuras e fronte a este modelo, a vivenda de promoción pública en réxime de alugueiro si representa un investimento de carácter estrutural”, incidiu.

Logo de subliñar que Galiza é a segunda comunidade do Estado que menos vivenda pública en réxime de alugueiro ten, tan só por baixo de Castela e León, Fernández reprobou ao Goberno do PP que o número de cualificacións provisionais de vivenda protexida en réxime de alugueiro fora 0 nos anos 2014, 2015, 2016 e 2017 e 1 en 2018, segundo os datos oficiais da Administración do Estado. “Os recortes en vivenda da etapa Feixóo suman 1.700 millóns de euros que se reflicten claramente nesta sucesión de ceros”, censurou.

A deputada nacionalista preguntou polo número de vivendas de promoción pública e cantas de promoción privada se van construír en Navia e ante a resposta do director do IGVS reprobou a súa falta de transparencia e planificación: “‘80 vivendas de promoción pública e xa veremos’ non é unha planificación que poida dar o director do Instituto Galego de Vivenda e Solo; ou non saben ou non queren facilitar os datos; vostede ten que saber que quere facer con esas vivendas e a que réxime se van destinar, visto ademais que estamos ás portas de que comece esta promoción”. 

Na súa réplica, a deputada do BNG recordou que no Rexistro de Demandantes de Vivenda en Vigo hai 5.674 persoas inscritas das que, deixando á marxe a demanda de vivenda en centros históricos, que non sería aplicable neste caso, o 75% da demanda concéntranse na vivenda de protección oficial de promoción pública, fronte ao 16% de demanda para o conxunto de réximes de vivendas de promoción privada. Ante estes “contundentes datos” e logo de recalcar que esta forte demanda na modalidade de vivenda de protección de promoción pública está mesmo recollida no Pacto da Vivenda de Galiza 2021-2025 da Xunta, Fernández concluíu que “o lóxico é que o desenvolvemento da vivenda protexida de Navia reparta o tipo de promoción en cando menos unha porcentaxe igual á demanda: o 75% de promoción pública”.
 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG