A deputada por Lugo e portavoz de Dereitos Sociais do BNG, Olalla Rodil instou á Xunta a cumprir o Plan de Igualdade para o persoal da Administración Pública, tras 16 anos de demora na aplicación da lexislación galega.
A nacionalista lembrou que a lei recolle a “obrigatoriedade” da aplicación dos Plans de Igualdade na Admón. Autonómica, os seus organismos autónomos, as sociedades públicas, as fundacións do sector público autonómico, as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes da CA e os organismos con dotación diferenciada nos orzamentos da Comunidade Autónoma.
“Desde hai 16 anos, a Xunta de Galiza incumpre a lei ao non contar con Plan de igualdade para o seu persoal” e sinalou que de todos os organismos obrigados a cumprir o Plan de Igualdade só o Sergas aprobou o seu, “dez anos máis tarde”.
Tampouco o ten a CRTVG, cuxa dirección carece de plan de igualdade ademais do “máis mínimo sentido da decencia” porque agora non lles chega con manipular, senón que tamén persegue aos seus traballadores e traballadoras.
Desde o BNG, explicou a deputada, levamos anos traendo de maneira recorrente a este Parlamento a “obriga” da Xunta de Galiza contar cun Plan de igualdade entre o seu persoal pero tivemos que agardar até o ano 2017 para que o PP iniciara os trámites, “dez anos despois da entrada en vigor” do texto lexislativo.
En marzo de 2018, o presidente da Xunta anunciaba “a bombo e prato neste mesmo Parlamento” que a aprobación do I Plan de Igualdade era “inminente” e xusto un ano despois, Alfonso Rueda ,daquela vicepresidente, logo ascendido, aseguraba tamén en sede parlamentaria: que o plan xa estaba elaborado “trasladóuselles aos sindicatos e neste mesmo ano estará en vigor”. Todo “mentira”, denunciou a deputada do BNG.
18.000 mulleres e 16.000 homes sen Plan de Igualdade
No mes de marzo de 2021, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu recordar esta cuestión no Parlamento pedíndolle ao Goberno do Partido Popular que cumpra coas súas obrigas en materia de igualdade e incidiu en que a Xunta é, ademais da administración xeral de Galiza, o maior centro de traballo deste país. “Traballan para a Xunta, 26.500 persoa, “18.000 mulleres e 8.500 homes”.
Temos que excluír desta cifra, os traballadores e traballadoras do sistema educativo e sanitario porque a cifra se incrementaría e aínda a así, “o presidente da Xunta e o Goberno do PP coma se escoitara chover”
Na súa intervención, Rodil continuou secuenciando as veces que o BNG provocou o debate no Parlamento galego e recalcou que no mes de marzo do 2021 a conselleira de Igualdade “emendou ao seu propio Goberno” ao afirmar en pleno, “estase traballando na diagnose” cando supostamente xa estaba feita dous anos antes.
Tras a intervención da portavoz popular....a deputada do BNG replicou que levan “16 anos incumprindo a lei e agora seguimos escoitando que levan dous anos diagnosticando”, un “auténtico despropósito” na súa opinión.
Dezaseis anos incumprindo a lei quen debera dar exemplo porque logo é a administración pública a que esixe ás empresas que cumpran coas súas obrigas, “elaboren os plans de igualdade que son obrigatorios xa para todas as empresas con máis de 50 traballadoras/es”, reiterou.
Campaña do 8M presentada polo BNG
Este ano desde o BNG, dixo Rodil, lanzamos a campaña do 8 de marzo cun lema moi claro: “Imos estar aquí o 8-M e os 365 días do ano, porque a desigualdade non se consegue nun só día”.
Unha campaña coa que queremos denunciar, ademais das múltiples discriminacións e desigualdades que sufrimos as mulleres en todos os ámbitos, pero tamén o coñecido #purplewashing: “ese lavado de imaxe violeta co que administracións, gobernos, multinacionais… poñen un verniz de feminista un día al año, que no hace daño”, pero logo son os primeiros en non cumprir, non garantir os dereitos das mulleres ou levar aos xulgados como práctica habitual dereitos fundamentais como son os de conciliar.
“Dentro dese purplewashing, dese lavado de imaxe violeta, a Xunta leva máis de imcumprindo, pero cun “lazo lila ben grande e que se vexa ben”.
O goberno galego ten “que cumprir a lei” e isto, recalcou Rodil, “non é opinable nin debatible, hai que facelo e punto”. A Administración Pública ten unha responsabilidade engadida, non só na elaboración destas ferramentas, “esenciais para detectar e corrixir desigualdades e discriminacións”; senón tamén “na garantía dos dereitos do seu persoal”.
Resulta obsceno constatar como entes públicos como o Consorcio padecen trabas da administración para garantir os dereitos de conciliación, as reducións de xornada ou a adaptación de horarios para coidar como recollen algunhas sentenzas xudiciais.